Escoita os ‘Contos de Castelo’ alá onde esteas

Os escoitables dos Contos de Castelo xa están dispoñibles na web e na aplicación para Android e iOS.

A memoria é o que fai que sexamos como somos e o mellor xeito de mantela viva é a palabra. Os Contos de Castelo naceron para iso, para xuntarnos, falar e, sobre todo, para escoitar. A palabra téñena as nosas veciñas e veciños, sobre todo os máis maiores, xa que son elas e eles os que máis vivencias e saberes teñen gardados e compartilos é o mellor xeito de que non se perdan. É por iso que decidimos dar un paso máis e mudar o formato para facelo accesible a un maior número de persoas.

Nesta última edición, os Contos de Castelo convertéronse nun espazo de conversa radiofónico. Convidamos a algúns dos mellores comunicadores do país como Marga Pazos, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Nacho Carretero, Arturo Lezcano, David Amor ou Carlos Blanco para conducir estes espazos nos que conversar e compartir nas tardes do Castelo Conta. Tone Martínez, Xosé Leis e Xosé A. Touriñán acompañaban tamén estas conversas coa veciñanza que ano tras ano non deixan de sorprendernos.

Así, coñecimos as historias das mulleres de Castelo coa participación das protagonistas, a intervención de Hadriana Casla -quen está realizando un traballo documental con elas-, a participación de Xabier Díaz e recuperamos cancións e acontecementos que marcaron a vida de moitas delas. Marga Pazos foi a encargada de conducir esta primeira xornada nin a calor extrema conseguiu quitarlles ás nosas veciñas o protagonismo.

Con Moncho Viña e Alfonso Hermida falamos do traballo, dos oficios e tamén do gusto de non facer nada cando toca xubilarse. Falamos dos traballos “da antes” e dos “de agora” e tamén dalgúns atemporais, como o dos taberneiros. Contamos tamén coa presenza da zoqueira Helena Ferro e con Celso Sanmartín, quen converteu no seu oficio a arte de escoitar e contar.

A infancia é a pequena patria de cada un. Volvemos ser nenas e nenos xunto con Carlos Blanco e Touri, cos que repasamos os xogos, as merendas, as normas estrictas dos colexios e a regras non escritas para namorar.

As lendas, os mitos e as supersticións tamén tiveron un oco con David Amor, quen escoitou “cousas de non crer” e tamén diferentes fórmulas e atallos para lles por remedio. É certo que o medo dá menos apuro cando estamos xuntos.

Non podía faltar a emigración, algo no que para ben ou para mal somos expertos. Falamos xunto con dous galegos emigrados, Nacho Carretero e Arturo Lezcano, das aventuras e tamén das cousas máis de diario de facer vida lonxe da casa. Ás veces por decisión propia, outras por necesidade, emigrar non é doado.

Podes escoitar os programas completos pinchando aquí ou na app do Castelo Conta, dispoñible para Android e iOS. Non esquezas compartilos con aquelas persoas que pensen que os van desfrutar, así entre todas e todas chegaremos a máis xente.

Recuperamos os contos ao pé do Xalo
A loita feminista protagoniza un novo encontro das Mulleres de Castelo
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.