O Castelo Conta é, en palabras de Xabier Díaz, a festa que lle deu a volta á festa. Unha transformación inédita en Galicia: dunha celebración multitudinaria pola que pasaron as mellores orquestras e se organizaron as maiores churrascadas, a un proxecto aberto a todo tipo de públicos, que suma tradición oral, coidado da natureza, música e artes escénicas, gastronomía, comedia e a festa mellor entendida, a que consiste en estar xuntas e xuntos.
Festival
Así é esta festa
Cada mes de agosto en Castelo pasa todo o mellor, e pasa para todas e para todos, nun ambiente único.

Xente Miúda
Cada verán xuntamos a medio cento de nenas e nenos, de entre 5 e 12 anos, nunha programación cultural única no rural, con actividades relacionadas co coñecemento do monte, a tradición musical e a produción ecolóxica. Facémolo da man de artistas, divulgadores, e tamén das veciñas e veciños de Castelo, que transmiten todo o que saben ás máis pequenas e pequenos.

Contos de Castelo
As tardes do Castelo Conta dedícanse a compartir centos de historias, que cada ano ensanchan o noso arquivo sonoro. As máis maiores e os máis maiores son os protagonistas de horas e horas de conversa tranquila, repartida polas eiras das casas das veciñas e veciños da nosa parroquia.

Vermús na taberna
Cada xornada do festival combinamos gastronomía e música no exterior de Casa Rodríguez, a taberna de Castelo, que xestionamos durante o mes de agosto. As e os chefs máis recoñecidos de Galicia preparan os seus petiscos con pequenos concertos na praza de Folgueira.

Seráns do Castelo Conta
Cada día da semana do festival, a última hora, cada lugar de Castelo acolle o seu día de festa, con concertos, espectáculos de teatro infantil ou para adultos, foliadas ou estreas de cine, para desfrutar en alpendres, eiras e rueiros.

Andaina
Os mellores humoristas de Galicia danse cita en Castelo para percorrer a parroquia nun ambiente único: música polo camiño, contadas nas casas das veciñas e dos veciños, e unha barra itinerante para repoñer forzas fan da andaina unha das citas máis agardadas do festival.

A noite do Castelo Conta
A gran gala da comedia galega e en galego celébrase cada mes de agosto en Castelo. Xosé A. Touriñán xunta a todas as súas amigas e amigos na súa casa para facer desfrutar a preto de 2000 persoas dun espectáculo imposible de ver en ningún outro lugar.

Romaría do San Ramón
O último domingo do mes de agosto Castelo celebra a romaría que durante anos trouxo pola parroquia a centos de persoas doutros lugares da comarca. A pequena Capela de San Ramón acolle misas, postos de roscas, e no marco do Castelo Conta celébrase unha sesión vermú e un xantar popular para despedir cada edición do festival.





