En Castelo sempre queda moito por contar

A Eira de López, os Petoutos, a Eira do Ferrador e o Campo da Capela serán testemuñas de moitos contos e historias. Un ano máis, as veciñas e veciños de Castelo serán os protagonistas das tardes do Castelo Conta. Sentarnos a conversar é algo que se vai volvendo cada vez menos habitual, xurtarnos e crear comunidade é algo que reivindicar e que poñer como prioridade. Iso perseguen os Contos de Castelo, unha reivindicación da presencialidade e a oralidade nun momento no que as tecnoloxías antóllanse indispensables para comunicarse. 

Como era antes Castelo? Como vivían as veciñas e veciños? Que momentos compartiron? Son moitas as preguntas, para as que hai máis contos e anécdotas. Temas como a infancia, a música ou a emigración darán pé a que os maiores da parroquia compartan con nós as súas lembranzas, os seus saberes e as vivencias que, ás veces, non contaran nunca fóra da casa.

Esta edición os Contos de Castelo veñen con novidades. Na procura dunha mellor difusión, convértense nunha sorte de programa que será compartido en formato de podcast para que calquera persona, independentemente do tempo e do lugar, poida achegarse ás historias recollidas en Castelo. As aldeas de Castelo converteranse nun estudio de radio para recuperar e preservar a memoria oral do lugar. Estes programas serán conducidos por Carlos Blanco, David Amor, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Nacho Carretero, Arturo Lezcano e Marga Pazos. Propoñerán diferentes temas cada día, aportarán as súas diferentes vivencias, contarán tamén con convidados especiais cada día e, sobre todo, aprenderán coas historias que teñen que contar as nosas veciñas e veciños.

X