No pasado ano, comezaba o proxecto ‘Mulleres de Castelo‘ cuxo resultado en forma de documental colaborativo veremos na próxima edición do Castelo Conta. O proceso creativo consta de diversos encontros das protagonistas, as nosas veciñas Mercedes, Julia, Pili, María, Pilar, Maruja, María José e Pepita; quen constrúen o relato deste traballo coordinado por Hadriana Casla.
No marco destas xuntanzas, as participantes comparten experiencias e tamén adquiren ferramentas para poder contar de xeito audiovisual as súas inquedanzas. En anteriores reunións, as nosas veciñas tiveron ocasión de visionar filmes de Catarina Vasconcelos ou Agnès Varda e, nesta ocasión, a protagonista será a realizadora chilena Cecilia Barriga. No marco do 8M, proxectaremos o seu documental ‘Memoria Reeditada: De Beijing 1995 a Santiago de Chile 2022‘, un traballo que recolle imaxes e testemuños desde a IV Conferencia Mundial da Muller convocada polas Nacións Unidas en 1995 na China ata diversas manifestacións e protestas por América Latina nos anos pasados.
Esta proxección, aberta ao público, terá lugar o venres 8 de marzo ás 19.00 horas no Centro Social de Castelo.