A polideportiva encheuse para ‘Castelo Arre ou Show’

O cuarto día do Castelo Conta 2024 estivo protagonizado polas artes escénicas. Desde dúas representacións teatrais ata o espectáculo cómico ‘Arre ou Show’

Chegamos ao xoves, cuarto día do Castelo Conta e tamén un dos máis especiais. A temática principal da xornada foron as artes escénicas, desde teatro para toda a familia ata unha das primeiras sesións de monólogos do festival, o espectáculo cómico Arre ou Show.

Os nenos e nenas da ‘Xente Miúda’, ademais de seguir aprendendo sobre natureza, tiveron a oportunidade de asistir á representación teatral ‘De Vilatriste a Vilalegre’, un espectáculo de marionetas interpretado por Sofía Espiñeira e Roberto Casal. A Utópica Rodante non só pretende xerar comunidade ao redor das artes escénicas, tamén celebrar o corenta aniversario do Centro Dramático Galego. As experiencias teatrais fomentan a imaxinación dos máis nenos e axúdanlles a desenvolver habilidades para resolver problemas e enfrontar situacións da vida cotiá.

Damián Paris, do restaurante sadense Decanta-t, foi o encargado de preparar un showcooking moi especial durante os Vermús na Taberna. Os petiscos de hoxe sorprenderon aos asistentes que degustaron, nesta ocasión, un bocadillo de churrasco. O vermú contou coa actuación de Lontreira, un dos grupos que máis forte está pegando nos últimos tempos. Eles defínense dicindo que non teñen xéneros musicais, mais ao lado da Casa Rodríguez soou a cumbia e o pop.

Os Contos de Castelo están chegando á súa fin, no entanto, aqueles que non puideran asistir poderán escoitar todos os programas na nosa web. Na xornada solleira do xoves os contos desprazáronse ata o Campo da Capela, en Folgueira. A encargada de conducir a temática foi Marta Otero Mayán, con quen falamos de entretementos de antes, de hoxe e de sempre, como o fútbol. De fútbol e de radio precisamente fala Moncho Viña en Moito que contar, libro que o xornalista larachés acaba de presentar e que trouxo tamén a Castelo xunto a Alfonso Hermida, Henrique Rabuñal e Adrián Viña.

O noso presentador diario dos contos, Tone Martínez, repetiu quenda nos Seráns na aldea. Xunto con Alba Bermúdez da compañía Galeatro, escenificou ‘Muiñada’, unha viaxe ao pasado para os nenos de hoxe. Nesta representación teatral falouse de tradición, de memoria e dunha das edificacións galegas máis emblemáticas, os muíños.

Ás 22:00 horas comezou un dos espectáculos máis esperados, o ‘Castelo Arre ou Show’. Este formato cómico inédito encheu de risas a Polideportiva de Castelo con preto de 1.200 espectadores. David Amor, David Perdomo, Patricia Castrillón, Isabel Garrido, Federico Pérez, Carlos Blanco, Manuel Cortés e Xosé A. Touriñán foron os protagonistas deste espectáculo creado para o Casteo Conta. O espectáculo contou tamén cun formato de colocación do público diferente, distribuídos en mesas onde podían ordear desde o whatsapp as súas ceas.

A noite non puido rematar de mellor forma, Boyanka Kostova puxo un peche espectácular á xornada coa súa música retranqueira e bailonga, trap de aldea como eles mesmos se definen. Chicho e Cibrán finalizaron unha xornada na que non faltou humor e cultura. En Castelo sabemos como darlle outra volta á festa e o xoves foi proba diso!

Noticias relacionadas

X