Que se pode facer durante os seráns nas aldeas de Castelo?

A partir do próximo luns 19 as diferentes aldeas de Castelo serán as anfitrioas de actuacións variadas e para todos os públicos.

O serán ou “tardiña” é a parte do día que vai desde que comeza a pórse o sol ata que se fai noite, pero en Galicia tamén se emprega este termo para referirnos a unha reunión nocturna con carácter festivo. Esta segunda acepción é a que o Castelo Conta adopta para unha das seccións máis variadas da programación do festival, o Serán nas Aldeas.

Cinco das setes aldeas da parroquia de Castelo converteranse en protagonistas durante o festival, acollendo as diferentes actividades e espectáculos que se realizarán de luns a venres a partir das 19:30 h. Mais, onde será e que se poderá facer cada día?

A primeira xornada será o luns 19 en Castelo de Abaixo. A Eira de López converterase nunha sala de cine para proxectar +Cuñados, unha comedia protagonizada por Miguel de Lira, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán. A película, estreada hai uns meses nas grandes pantallas, poderá desfrutarse na parroquia natal dun dos seus protagonistas a partir das 20:30 h. Despois da proxección, Lamatumbá serán os encargados de abrir a programación musical do festival ás 22:00 h. A banda, autora de temas tan coñecidos como “Licor do negro café” amenizará a noite coa súa alma festeira.

O martes 20 a diversión trasladarase a Vilaverde co Regueifando en Castelo: festa e revolución. A Regueifa é unha das tradicións orais galegas que se están a recuperar na actualidade. Esta disputa dialéctica improvisada e en verso de carácter eminentemente rural pasou de ser un elemento de entretemento nas tabernas a vivir un momento de expansión e reivindicación. Os participantes intervirán a partir das 20:00 h e, nesta ocasión, serán Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josiño da Teixeira. Por outra banda, o encargado de pechar a xornada do martes será o grupo de música tradicional galega Tiruleque. O grupo coruñés leva desde o 2002 percorrendo a xeografía galega e estatal, así como deleitando ao seu público cun repertorio propio de romarías e foliadas pero sempre na procura da innovación. 

Félix Rodríguez e Fran Rei volverán a Castelo o mércores 21 coa súa comedia Máis Saaabor!, un espectáculo que combina maxia, gastronomía, música, humor coa participación do público e que terá lugar na Eira do Ferrador (Xalo) a partir das 19:30 h. Esta proposta, dirixida por Avelino González, ofrece para todos os públicos un espectáculo en torno ao mundo da alimentación saudable e aos produtos de proximidade. As seguintes protagonistas da xornada serán as propias veciñas da parroquia, que verán por primeira vez o resultado do traballo documental colaborativo Mulleres de Castelo. O proxecto, dirixido por Hadriana Casla, comezou na pasada edición do festival, mais será o próximo mércores ás 21:00 h cando poderemos coñecer as historias vitais destas trece mulleres nunha película que reivindica a amizade, a diversidade e a vitalidade dos máis maiores. O tradicional tamén se unirá coa vangarda da man de Maricarme, un grupo formado por tres artistas recoñecidos do panorama musical galego. Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido poñerán a bailar aos asistentes ao ritmo dos seus violíns, pandeiros e composicións musicais electrónicas a partir das 22:00 h

O xoves 22 Tone Martínez e Alba Bermúdez, da compañía Galeatro, situarán nunha das edificacións tradicionais galegas, os muíños, o escenario perfecto para unha representación teatral para os máis cativos e tamén para toda a familia. Lendas, tradición, música… Muiñada comenzará ás 19:30 h en Folgueira.

Os Seráns nas Aldeas rematarán o venres cunha das propostas máis innovadoras da edición, o Poetry Slam. Para aqueles que non coñezan esta competición, este formato con influencia teatral mestura a poesía coa interpretación, mais os participantes deberán defender as súas propostas poéticas ante o público para gañar un concurso. Peter Brea será o encargado de presentar o espectáculo que comezará ás 19:30 h

Agora que xa coñeces quen serán os grupos que actuarán e a que actividades se pode asistir, o único que falta e vivilo. Ademais, todas estas actividades son de balde, polo que non hai escusa!

A gran festa da cultura no rural comeza nunha semana
Non todo vai ser contar, tamén hai tempo para escoitar
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.