A Federación do Cubata de Bochinche

Os Contos de Castelo xiraron arredor do deporte e nesta parroquia iso non significa falar só de fútbol. Hai moito máis mundo.

Remataron os Xogos Olímpicos pero, en Castelo, todos os finais de agosto son de olimpíada. O fútbol aquí non é o deporte rei, lévase máis o trekking leria. Quizais quen sexa de fóra non o coñeza polo nome pero, en realidade, practícase en toda Galicia. Manolo, quen ademais de ciclista é trekkileiro, explica que consiste en ir camiñando pola parroquia e enredar a falar con todo deus que se cruza no camiño.

“O campeón aquí de trekking leria é Ramiro”, asegura Manolo sen falsa modestia. Este veciño colle o testigo, é dicir, o micrófono, para explicar por que é o Simone Biles ou o Sharapova da súa disciplina. Levou este deporte a outro nivel ao ir cantando mentres andaba, intercalando cancións entre conversa e conversa. Por suposto, requiríuselle unha demostración e el entoou un par de pezas, porque se debe á súa afección.

En tempos anteriores ao electrónico a xente non se amolaba e xogaba á billarda, á chave, ás canicas ou á mariola. Ures, un dos veciños máis míticos dos Contos de Castelo, asegura que era un boísimo porteiro de fútbol: “A min chamábanme cinco minutos no aire, mira o que che digo”. “Eu saltaba á corda, era unha cabra”, di unha veciña. O home ao seu carón asegura que el tamén o facía: “Cando se me escapaban as vacas e ían ao millo, miña nai botábame unha corda ás costas e ás pernas, como a saltaba!”.

O reloxo intelixente non conta pasos cando estamos na oficina; “o traballar é o de antes, non o de agora”. Un veciño deixa claro que en Castelo sempre se fixo deporte, el seguía unha rutina moi estricta: erguerse, caldo e monte. “Ou é que coller no toxo che parece pouco deporte?”. O valor utilitario sempre está presente no noso idealismo materialista, e o xogo sempre estivo relacionado coa aprendizaxe. Por exemplo, xogar a pillar aquí era “andar aos guardias”.

Tamén para desfrutar fai falta estar en forma. “Andar é practicar deporte, pero andar de festa tamén o é”, asegura Saúl Rivas quen, por un día, se puxo fronte ao micro nos Contos de Castelo. Cubata e bochinche son dúas palabras que non recolle a Real Academia Galega pero presentes no vocabulario de todos os galegos e galegas, e Marta Otero Mayán propón crear a Federación de Cubata de Bochinche. “Hai quen pide dez días de Castelo Conta pero iría en contra das regras desa organización”, aclara Saúl. A festa estoupa en todos os eidos da nosa vida, no deporte non é diferente. Non é casualidade que quen levou o fútbol aos bares, o inventor do futbolín, fose de Fisterra.

Noticias relacionadas

X