Está unha tarde de calor cando subimos á sombra dun souto no Xalo. Chega xente ao monte máis, tamén, equipo técnico, unha pantalla, un bochinche e moitísimas máis trangalladas para facer destas conversas un podcast. Con todo, aquí chegaron cousas ben máis estrañas.
Manolo lembra cando caeu unha avioneta. Foi moito antes de que se estrease La sociedad de la nieve, cando el e outros tantos eran nenos aínda e viñan aquí xogar co aparello accidentado. “Morreran os dous ocupantes e aínda quedaba sangue”. Non se sabe o final despois dese final pois, cando a avioneta “deixou de ser novidade”, aburríronse e buscaron outro enredo. No Xalo hai abondo.
Cada anaco de terra do monte ten o seu nome e dá para unha historia. Non vai metaforicamente. Jesu é o presidente da Asociación do Monte Comunal de Castelo e pódenos nomear palmo a palmo o Xalo, coma se fose desbrozar palabras. A Fonte da Capela Vella, Mañufe, a do Seixo do Ollo Bo ou a do Cáliz. Esta última ten algo máxico: móvese e segundo o día está nun lugar ou noutro. O motivo en realidade ten pouco de místico, pois a fonte é un marco e xa se sabe que se moven máis ca unha persoa de produción na fin de semana do Castelo Conta. Ás pedras tamén se lles coñecen polo nome, coma unha veciña máis. A do Conde, a do Castelo, a do Gato, as do Souto, as Mosqueiras e, por suposto, Mazafacha. Esta pedra era coma un iPhone: predicía o tempo, marcaba a xeolocalización do límite entre catro parroquias…
En moitos lugares o monte veciñal en man común é unha fonte de conflito. Nunha casa de Taboada hai unha avoa que veteu nas comidas familiares tres temas: a política, o fútbol máis o monte. Pero en Castelo non, é un lugar fóra do común por moitos motivos, tamén por este. O Xalo volveu ser propiedade colectiva da veciñanza despois de anos en que a Administración se apropiara dela. Agora, ten o seu Plan de Ordenación no cal non só se contempla a explotación madeireira como antes, tamén procura facer un monte máis achegado á xente como espazo deportivo, recreativo e de gran valor cultural e arqueolóxico.
No Xalo tamén tivo Touriñán a súa primeira experiencia no audiovisual. Na rodaxe dunha película íanlle preguntar ao seu avó por sitios onde facer tal ou tal outra cousa; o que vén a ser localizar. Construíron a fachada dunha casa “coma se fose nunha serra de Madrid, pero estaba no Xalo”. Eran os tempos en que se pagaba ben no cine, explica o humorista, a quen lle ofreceron traballar como vixiante da obra ás noites. “Eu collía e marchaba á verbena a Carral, despois durmía e poñía o espertador media horiña antes de que volvesen”. As primeiras 200.000 pesetas gañadas grazas ao cine.
O Xalo está cheo de nomes e de historias, pero polo de agora non fala. Quen sabe que contaría se o fixese.