A gran festa da cultura no rural comeza nunha semana

Cando faltan sete días para que arrinque o Castelo Conta, repasamos o que vai acontecer durante o festival.

Xa non queda nada para o Castelo Conta! A falta de rematar cos últimos preparativos, Castelo xa está listo para recibir o público nesta semana na que a nosa parroquia é o centro cultural de Galicia. Facemos repaso do que vai acontecer do 19 ao 25 de agosto, pero se non queres perder detalle, sigue as nosas publicacións en Instagram, Facebook e X ou consulta a programación completa do festival facendo clic aquí.

Este ano chega con novidades como a reapertura de Casa Rodríguez para aloxar a Taberna do Castelo Conta durante a celebración do festival. Alí poderemos mercar produtos de proximidade, conversar, tomar algo ou asistir aos Vermús na Taberna, que celebraremos de luns a venres en horario de 14.00 a 15.30 horas. Nestes vermús, contaremos coa participación de chefs de primeiro nivel que prepararán petiscos en directo e tamén cunha actuación musical no escenario instalado ás portas da taberna, en Folgueira.

Outra novidade será o espectáculo Castelo Arre ou Show, un formato inédito protagonizado por David Amor, David Perdomo, Federico Pérez, Isabel Garrido, Patricia Castrillón, Manuel Cortés, Tamar Novas e Xosé A. Touriñán. Para este espectáculo, así como para a Noite de Monólogos, xa non quedan entradas dispoñibles.

Para o que aínda estás a tempo de anotarte é para a Andaina do Día Grande do Castelo Conta. Podes facer a inscrición —e tamén mercar tíckets para o xantar e a cea— neste enlace. A andaina recupera este ano o seu percorrido polas aldeas de Castelo e contará coas actuacións de Marita Martínez e Celso Sanmartín.

Sen música non hai festa, así que este ano tamén teremos moita música. Nos Seráns nas Aldeas contaremos con Lamatumbá, Tiruleque e Maricarme. Boyanka Kostova pechará a festa o xoves 22 e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés e Dios ke te crew protagonizarán os concertos do venres 23. Para os concertos do venres, hai que adquirir entrada. Podes facelo aquí ou na billeteira do festival.

A Xente Miúda terá tamén unha semana moi intensa na que aprenderán a crear arte con Iria do Castelo, de Castelo Studio, coñecerán máis sobre o cultivo de froitas e verduras cos nosos veciños, saberán de primeira man os coidados que requiren os nosos montes para poder desfrutalos sempre grazas á Comunidade de Montes de Castelo e tamén terán unha achega didáctica e práctica ao mundo da equitación. Ademais, participarán en xogos populares, aprenderán a facer divulgación sobre o coidado do medio natural con Xurxo Carreño e terán espectáculos e concertos para pasar unha semana moi intensa e divertida.

Os Contos de Castelo repiten formato radiofónico, nesta ocasión con Federico Pérez e Miguel de Lira, Xosé Ramón Gayoso, María Meizoso, Marta Otero Mayán e Xaime Fandiño. Nestas tardes de radio falaremos de cinema, libros, banda deseñada, remedios, doenzas, supersticións, gastronomía, festas, deportes, entretemento e tamén do monte e o territorio. Contaremos con moitos convidados e coa participación das nosas veciñas e veciños; e tamén coa túa, todo o mundo é ben recibido nestas tardes de escoita e conversa. Este ano tamén nos achegaremos a dúas disciplinas cuxa base é a oralidade: a regueifa e o poetry slam.

E non podía faltar o cinema en Castelo. O luns 19 teremos unha das películas máis destacadas do ano, +Cuñados, presentada polos seus protagonistas. E termos tamén a estrea absoluta de Mulleres de Castelo, un proxecto dirixido por Hadriana Casla no que participan as nosas veciñas e no que levan traballando desde a pasada edición do Castelo Conta, momento no que iniciu este percorrido marabilloso cuxo resultado poderemos ver o mércores 21 na Eira do Ferrador.

Agora que xa sabes o que vai pasar, non deixes de vir coñecelo de primeira man. Agardámoste en Castelo.

Esgotadas as localidades para o Castelo Arre ou Show
Que se pode facer durante os seráns nas aldeas de Castelo?
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.