Esgotadas as localidades para o Castelo Arre ou Show

A cita do xoves 22 coa comedia no Castelo Conta completa o aforo da polideportiva, e únese á noite de monólogos do sábado, que rematou todas as entradas poucos días despois de que sairan á venda.

Novo cheo no Castelo Conta. Nesta ocasión, para o xoves 22, na cita que congregará na polideportiva de Castelo ao mellor da comedia en Galicia nun espectáculo de sketches e música inédito. David Amor, David Perdomo, Patricia Castrillón, Isabel Garrido, Tamar Novas, Federico Pérez, Manuel Cortés e Xosé A. Touriñán serán os encargados de interpretar diferentes personaxes e situacións que nestes días escriben algúns dos mellores guionistas do teatro e o audiovisual galego.

O do xoves será, ademais, un formato novo en Castelo: o público desfrutará das actuacións disposto en mesas, desde onde poderán facer os seus pedidos de comida e bebida. A organización contará cun equipo de preto de cincuenta persoas para atender un evento que pretende consolidarse no festival.

Os concertos e a andaina, os últimos eventos con entradas dispoñibles

Logo de esgotar as entradas para as citas das noites de xoves e sábado, a quince días do festival só quedan localidades para os concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés e Dios Ke Te Crew do venres, así como para a andaina polas aldeas de Castelo da tarde do sábado. Tamén para as citas gastronómicas: a churrascada preparada polas veciñas e veciños de Castelo no día grande, e a cea para recuperar forzas despois da ruta.

A música toma Castelo
A gran festa da cultura no rural comeza nunha semana
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.