O Día Grande celebramos a andaina polas parroquias de Castelo. Unha oportunidade única de coñecer de preto as nosas aldeas, pasar o día coa familia ou amigos, gozar dos contos e a música… e moito máis!
Vén coñecer Castelo na mellor das compañas
O sábado 24 é o Día Grande desta gran festa que é o Castelo Conta. A xornada comeza xa pola mañá coa chegada das persoas que vos inscribides na andaina, para recoller as acreditacións e mais a bolsa cos agasallos. Comeremos xuntos un bo churrasco —temos tamén opción vegana— e logo de dar conta do postre saímos aos camiños para percorrer os lugares de Castelo.
No camiño estaremos acompañados polos Viqueiras, que fan o mesmo camiño ca nós, pero tocando a gaita, o cal é para que leven un premio. Tamén contaremos coa charanga Mil9, que veñen con ganas de festa e darán relevo aos Viqueiras para que poidan coller folgos. Visitaremos Folgueira, Xalo, Castelo de Abaixo, Vilaverde… faremos paradas para escoitar os contos de Marita Martínez e Celso Sanmartín e tamén para repoñer forzas con froita fresca e empanada.
Unha vez completemos o percorrido, volveremos ao punto de partida para cear unha riquísima fideuá, tamén con opción vegana. Se quedas con ganas de festa, logo aínda temos a Noite de Monólogos, o concerto dos Revenidos e a festa continúa con DJ Mínimo ata que o corpo aguante.
Se queres vir pasar o día con nós, non esquezas anotarte aquí antes de que rematen as prazas!
