Temos a sorte de celebrar un festival nun lugar privilexiado. Temos tamén a responsabilidade de coidalo e mantelo para que as xeracións que veñan detrás poidan seguir vivindo e gozando deste sitio único.
Pasámolo ben desfrutando e coidando do monte
Facer un festival no rural é unha sorte mais tamén implica ser conscientes do impacto que ten a nosa actividade no medio natural. Poder vivir unha experiencia como é o Castelo Conta só é posible se respectamos o medio natural, unha contorna que a veciñanza coida e mantén viva no seu día a día.
É por iso que, como todos estes anos, seguimos apostando por ser o máis sostibles posible, minimizando o impacto do festival apostando polo uso de materiais reutilizables, evitando aqueles que máis impacto poden ter sobre o medio ambiente e incorporando actividades de sensibilización que incluímos nunha programación que, realizándose nunha contorna rural, ten que velar por non resultar intrusiva para a veciñanza.
O Xalo é a nosa casa e queremos que siga séndoa por moito tempo, polo que #coidamosdomonte é o cancelo que empregaremos para agrupar estas accións e xerar un impacto positivo, concienciando sobre a importancia de manter os nosos montes e espazos naturais limpos e preservando a súa biodiversidade. Neste camiño imos da man da Comunidade do Monte Veciñal de Castelo, quen mantén o Xalo vivo e coidado durante todo o ano.
Do mesmo xeito, buscamos concienciar á cativada coas distintas accións e experiencias que desenvolvemos durante a semana na Xente Miúda do Castelo Conta. Estas actividades poñen a educación ambiental no centro, formando as xeracións máis novas nunha cuestión de vital importancia como é a preservación da nosa contorna natural.
