Unha semana en Castelo

Acabou a semana do Castelo Conta e non podemos quitala da cabeza. Isto foron algunhas das cousas que pasaron aquí.

Tras dous veráns sen festas e con restricións, o festival Castelo Conta celebrou a súa VII edición nesta era pospandémica. Foron sete días nos que agosto se negaba a esgotarse con música, teatro, humor, actividades infantís, gastronomía e natureza.

O luns amenceu cedo coa primeira xornada do campamento para a Xente Miúda que se desenvolvería ao longo da semana. A cativada pasou as mañás divertíndose con xogos tradicionais e aprendendo como cultivar hortalizas ou plantar especies autóctonas, sempre co verdor do Xalo como pano de fondo. Ademais, os miúdos e miúdas prepararon unha obra de teatro que representaron para as familias e a veciñanza o venres, pechando unha intensa semana cunha salva de aplausos dun público emocionado.

Nas tardes dos días de entre semana, a veciñanza e os festivaleiros tiveron unha cita diaria cos Contos de Castelo. Estas xuntanzas conducidas por Tone Martínez estiveron adiacadas a falar e coñecer da man das persoas máis maiores como eran “as cousas d’antes”. Descubrimos como eran antes as festas, crenzas e rituais antes estendidos, vivencias da emigración e incluso pasamos unha tarde repasando fotografías antigas e vendo películas caseiras en Super 8. 

Trinta e tres anos após a súa morte, homenaxeamos a Finita Gay, a primeira muller cantante de orquestras e veciña de Castelo, cuxa cara queda agora nun mural que preside o Campo da Capela. E é que nesta parroquia a música é lei. Ao longo da semana puidemos escoitar moitos e moi diversos artistas: Sés, Pakolas, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Guadi Galego, DJ Russinha, SonBoleros, Los Mecánicos, Sito Sedes…

Sen teatro e comedia tampouco se entendería o Castelo Conta. Houbo programación para todos os gustos e cores, ‘Saaabor!’ para o público infantil, o monólogo pseudo-biográfico ‘Hoy puede ser mi gran noche’, ‘As fillas bravas de Momán’ coas súas pandeiretas e reivindicativas voces e ata a obra con máis entradas vendidas da historia do teatro galego, ‘Somos Criminais’. Ademais, o Castelo Conta non sería o que é sen a Noite de Monólogos, que se celebrou o sábado, o Día Grande. A este espectáculo, un dos máis esperados, acudiron preto de 2000 persoas que quedaron despois para gozar dunha longa noite de música e troula, malia que xa levaban enriba unha tarde de andaina polas aldeas da parroquia.

Sería imposible encerrar nunhas liñas o vivido no Castelo Conta e isto, máis ca un resumo, é un convite para virdes o próximo agosto. Festas hai moitas en Galicia, mais que os veciños dunha parroquia duns 250 habitantes convertesen o San Ramón nun festival di moito dos veciños que fan de Castelo un lugar único no mundo; un lugar ao que sempre querer voltar.

O día grande das festas do San Ramón
“Este é o sitio onde falan os vellos?”
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.