“Este é o sitio onde falan os vellos?”

Tone Martínez, condutor dos Contos de Castelo fálanos deste experiencia que naceu no 2018 para afondar no noso patrimonio oral.

Imaxina un lugar onde se reuna a xente para facer algo tan común e á vez tan extraordinario como é falar e escoitar. Imaxina un festival que teña por bandeira a palabra, a historia, o conto. Imaxina que ese festival se realiza nun entorno máxico e cunhas persoas extraordinarias. Iso é o Castelo Conta.

Que hai máis galego que contar uns contos e botar a lingua a pacer? “Este é o sitio onde falan os vellos?” comentaba unha señora alá polo ano 2018 cando botaba andar os Contos de Castelo. “É, pero tamén é o sitio onde aprende a xente nova dos nosos maiores”.

Nesta edición dos Contos de Castelo descubrimos como eran os menús das nosas festas en tempos, achegámonos ao misticismo das nosas aldeas, coñecimos testemuñas de xente que tivo que emigrar, contamos anécdotas a través de fotografías e vídeos en Super-8 cedidas polos veciños e veciñas e tivemos a honra de coñecer a historia da Martela. Unha muller pioneira no seu tempo que recibiu unha merecida homenaxe por parte da veciñanza e que debería ter un maior recoñocemento a nivel galego.

O meu agradecemento a quen participou, a quen escoitou e a quen tivo a idea de que isto existise. Porque se o Castelo Conta non existise alguén tería que inventalo.

 

Tone Martínez
Actor, director e condutor dos Contos de Castelo

Noticias relacionadas

X