O día grande das festas do San Ramón

A noite de monólogos do Castelo Conta é, sen dúbida, unha das paradas máis especiais do tempo que levamos compartido esta semana. Non só polas risadas, o elenco de humoristas que sube ao escenario ou o público que supera con creces o milleiro de persoas. É o xermolo do festival que, malia a medrar, mantivo o espectáculo cómico ata agora e que continuará os vindeiros veráns. Naceu coa idea de axudar a pagar as festas do San Ramón e así foi como Touriñán e outros monologuistas comezaron a transitar Castelo todos os agostos. Nesta VII edición do agora xa festival foron preto de 2.000 as persoas que se achegaron a escoitar ao actor veciño da parroquia máis a Noemi Rodríguez, Oswaldo Digón, Pepo Suevos, Isabel Risco, Darlene Rodríguez, Javier Veiga, David Amor, David Perdomo, Carlos Blanco e Patricia Castrillón. Desta volta os monólogos contaron cunha novidade que contribúe no compromiso de facer máis accesible o festival; coa colaboración que brindou a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia contouse con intérpretes de lingua de signos para o espectáculo.

Mais a noite dos monólogos non foi a única actividade do día grande, houbo programación aquí para rematar querendo durmir unha semana enteira. Comezamos cunha sesión vermú —porque que sería un sábado de festas sen ela—, coa música de DJ Mínimo e o apoio de Nordesía. Antes da andaina houbo que coller folgos, polo que veciños e festivaleiros xantaron con produtos ecolóxicos e un ambiente que anticipaba a festa da noite. Despois, botamos a andar polas aldeas nun percorrido que durou catro horas, mais non se asustar, non todo foi poñer un pé diante do outro; houbo humor da man de Carlos Blanco e Luís Davila, música a cargo de gaiteiros e dunha charanga e a nosa barra móbil.

Non serán estas unhas festas ao uso, mais no Castelo Conta hai todo o que non pode faltar e antes da noite de troula os festeiros cearon na tradicional churrascada. A noite de monólogos estendeuse ata pasada a medianoite cunha Polideportiva que non podía máis coa risa. Chegou o momento do baile e xunto a el Los Mecánicos, unha das bandas de versións pioneiras en Galicia, e DJ Mínimo, a quen xa coñeciamos no seu rexistro sesión vermú. Á mañá seguinte pasarán os gaiteiros, tamborileiros e demais banda por diante das casas ás dez da mañá, mais na festa a ninguén lle acordou mentres soase a música.

 

 

X