Non todo vai ser contar, tamén hai tempo para escoitar

Os Contos de Castelo volven unha edición máis con temáticas e historias para rememorar. De luns a venres de 17:00 a 19:30 horas

A punto de comezar a novena edición do Castelo Conta, facemos un repaso por unha das actividades protagonistas das tardes do festival, os Contos de Castelo.

Quen non botou tardes de verán falando de anécdotas e historias con familiares e amigos? Do 19 ao 23 de agosto estas xuntanzas trasladaranse ás distintas aldeas de Castelo para converter estes lugares nun estudio radiofónico ao aire libre na franxa de 17.00 a 19.30 horas.

Estes programas non só serven para compartir historias e desfrutar da man dos seus condutores, senón tamén para poñer en valor a oralidade como mecanismo de conversación da memoria. Ademais, tamén se procurará establecer un diálogo interxeracional entre aqueles que teñen moitas vivencias por contar e aqueles que aínda as están construíndo.

No 2022 os Contos de Castelo homenaxearon a Finita Gay, quen desde entón preside unha das paredes do centro social de Folgueira, grazas ao mural feito polo artista ourensán Mon Devane. Mais desde o ano pasado estas xuntanzas tamén se rexistran nun formato podcast para poder ser escoitadas tantas veces se queira. 

No 2023 contamos con grandes comunicadores como Marga Pazos, Alfonso Hermida, Moncho Viña, David Amor, Carlos Blanco, Arturo Lezcano e Nacho Carretero para conducir cinco programas con temáticas ben diferentes. Ser muller no rural, o traballo e como este pode influír na nosa vida, a aprendizaxe na infancia, a emigración en Galicia, mitos e lendas… Se queres volver a rememorar estas conversas ou se aínda non tiveches a oportunidade, podes facelo aquí.

Pero os protagonistas non son só os comunicadores, tamén o son os veciños e veciñas de Castelo que se animan a compartir as súas experiencias e historias. Tone Martínez estará un ano máis compartindo as tardes dos Contos, aínda que os convidados si que cambiarán nesta edición. Se non queres perderte ningunha destas xuntanzas podes consultar os horarios e localizacións na programación.

E que temáticas propoñen nesta ocasión Miguel de Lira, Federico Pérez, Xosé Ramón Gayoso, María Meizoso, Marta Otero Mayán e Xaime Fandiño?

O luns Miguel de Lira e Federico Pérez falarán de cine, fotografía e banda deseñada; o martes Xosé Ramón Gayoso de doenzas, menciñas e remedios; María Meizoso conducirá o espazo do mércores para conversar sobre gastronomía; nos contos do xoves Marta Otero Mayán dialogará cos veciños e cos convidados sobre lecer, deporte e xogos; e, para rematar, o venres Xaime Fandiño de territorio e tecido comunitario.

Aínda que o formato será similar ao da edición pasada, non o serán as conversas nin os convidados que participarán nos programas. O Doutor Simón Pardiñas, Manolo Maseda, Lupe Blanco, Manuel Domínguez (chef do restaurante Lúa), Hadriana Casla, Moncho Viña, Eduardo de Martís ou a Comunidade de Montes de Castelo teñen moito que contar.

Se o ano pasado non puideches asistir aos Contos de Castelo, este ano non os podes perder! Lembra estar pendente das nosas redes sociais e de todos os contidos da web.

Noticias relacionadas

X