O traballo e esforzo da veciñanza de Castelo, indispensables para que o festival siga medrando
Un festival de todos e para todos
O Castelo Conta, a gran festa da cultura no rural, está a piques de comezar. Quedan escasos días para volver a desfrutar de espectáculos, música, actividades para a cativada, xuntanzas cos veciños, xantares, ceas, andainas… Un festival interxeracional que se rexe polo humor e polo respecto ás nosas tradicións, cultura e medio ambiente.
Mais outro dos valores do Castelo Conta é a inclusión e participación da súa veciñanza. Os seus habitantes non só asisten a esta festa do humor e da cultura, tamén axudan a que esta sexa posible. Veciños e veciñas aportan horas de traballo, esforzo e diñeiro para seguir sumando edicións ano tras ano.
Todos eles, ademais do noso público, son os verdadeiros protagonistas do festival. Por ese motivo tamén participan contando as súas historias e vivencias nos Contos de Castelo, o noso programa radiofónico que se gravará de luns a venres de 17:00 a 19:30 horas en diferentes puntos da parroquia.
Ademais, as mulleres de Castelo tamén serán as estrelas no serán do mércores 21. A Eira do Ferrador será o lugar da estrea dun traballo que levará polo mundo as historias de Julia Reboredo Grela, Maruxa Martínez, Rosa de Seijo, Maruja Sanchez, María Concheiro, Pilar Torreiro Grela, Mercedes García, Pilar Rodríguez, Maria de Sánchez, Maria José Cañas, Esther Pardo Vecino, Carmen Marta e Pepita. Todas elas participaron no documental Mulleres de Castelo de Hadriana Casla para falar das ideas xeralizadas en torno á vellez.
Ao pé do Monte Xalo viven algo menos de 300 habitantes, mais na próxima semana abrirán as portas da súa parroquia para acoller a todo aquel que queira pasarse por Castelo para asistir a concertos, actividades ou a tomar un vermú na Taberna de Rodríguez. Non perdas a oportunidade de gozar dunha semana cunha programación cultural de primeiro nivel.
O Castelo Conta é un festival de todos e para todos que se fai grazas ao esforzo de colaboradores e veciñanza, pero tamén grazas á implicación do público que merca entradas e diferente material promocional. As localidades para os monólogos xa está esgotadas, mais aínda estás a tempo de asistir o venres ao concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés e Dios ke te crew. Podes conseguir as túas entradas nesta ligazón.
Esperámoste no Castelo Conta a vindeira semana lucindo unha das nosas camisolas ou suadoiros que estarán dispoñibles nun dos nosos puntos de venda físicos. Viva a cultura e viva o rural!
