Despois dunha semana cargada de emocións, o Castelo Conta chegou á súa fin. Foron sete días cunha morea de actividades desde primeira hora da mañá ata ben entrada a madrugada. Os nenos e nenas da Xente Miúda pasárono en grande facendo os seus propios deseños coa axuda de Iria do Castelo, coñecendo as froiteiras, montando a cabalo, gravando un videoclip, aprendendo sobre o coidado da natureza con Xurxo Carreño… mesmo tiveron a oportunidade de estar con outro Xurxo, o de Bechos, a serie infantil da Televisión de Galicia.
Nesta edición foi moi especial a reapertura de Casa Rodríguez para aloxar a Taberna do Castelo Conta, incluíndo na programación os Vermús na Taberna. Tivemos a oportunidade de probar ata cinco petiscos de diferentes chefs galegos. Jorge Trigo, chef de A Espiga, preparou unhas ricas croquetas; Lolo Mosteiro e Paula Martínez, do restaurante A Artesa da Moza Crecha, elaboraron unhas masas de follada con sardiñas; Manuel Domínguez do Restaurante Lúa, ensaladilla de marisco; Damián Paris de Decánta-t, un bocadillo de churrasco; e, o último día, Kike Piñeiro de A Horta do Obradoiro cociñou uns deliciosos boliños de pan de castaña recheos de rixóns. Ademais, todas as sesións estiveron acompañadas de música en directo. Alana, Eris Mackenzie, Comando Curuxás, Lontereira e crnds estrearon o escenario de Folgueira para estas sesións vermú.
Os Contos de Castelo continuaron co formato podcast nunha aposta por dar maior visibiliade ao traballo feito todos estes anos na recuperación da memoria oral da parroquia. Federico Pérez, Miguel de Lira, María Meizoso, Xaime Fandiño, Marta Otero Mayán e Xosé Ramón Gayoso compartiron as tardes coa veciñanza nunha iniciativa que ofrece un espazo de encontro e dá voz ás persoas que gardan aquelas historias e saberes que non atopamos reflictidos noutros medios. Estes programas estarán axiña dispoñibles na app e na web do Castelo Conta.
Nos seráns, visitamos as aldeas de Castelo con propostas moi variadas. A Eira de López, en Castelo de Abaixo, converteuse nunha sala de cine para proxectar o filme +Cuñados, nunha noite que rematou co concerto de Lamatumbá. O martes os versos e a retranca encheron Vilaverde cun espectáculos de regueifa da man de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josiño da Teixeira que deixou despois paso no escenario a Tiruleque, un dos referentes da nosa música tradicional. Por se fora pouco, Eris Mackenzie volveu subir ao escenario para pechar o día. O mércores foi, sen dúbida, o día máis especial desta edición do Castelo Conta. As nosas veciñas convertéronse nas protagonistas indiscutibles da noite coa estrea de Mulleres de Castelo, un documental colaborativo dirixido por Hadriana Casla, no que coñecemos as historias vitais das nosas veciñas e como afrontan a vellez nas súas diferentes etapas. Antes deste momento emotivo, houbo tempo para a comedia co espectáculo Máis Saaabor! que trouxo á Eira do Ferrador unha lexión de pequenos fans do dúa formado por Fran Rei e Félix Rodríguez. Á noitiña xa baixaba o frío a Xalo, pero saíron ao rescate Maricarme para que ninguén quedara sen bailar. O xoves tivemos dobre racción de teatro para toda a familia. Pola mañá a Utópica Rodante fixo parada en Vilaverde con De Vilatristre a Vilalegre e, xa pola tarde, en Folgueira, tivemos a oportunidade de ver Muiñada no Campo da Capela. O venres subimos ao Petón para desfrutar dunha exhibición de Slam Poetry. Paula Pier foi a vencedora desta velada conducida por Peter Brea.
O Castelo Conta non sería o mesmo sen o humor e a música. Os asistentes do xoves, venres e sábado encheron a Polideportiva para desfrutar dos espectáculos de comedia e dos concertos do festival. O xoves estreouse o Castelo Arre ou Show, un show inédito co que estreamos unha nova configuración de mesas para o público. Boyanka Kostava puxo o broche final cun concerto no que non faltaron os seus éxitos como Muiñeira do Interior ou Diego Tristán. O venres foi o día máis musical da semana, Sés, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Dios ke te crew subiron ao escenario principal do festival para ofrecer máis de 4 horas de música.
O Día Grande estivo acompañado polo bo tempo, que permitu que a andaina e o xantar popular se puideran realizar sen problema. O camiño non foi tan duro grazas á música dos Viqueiras e a charanga Mil9, que acompañaron aos camiñantes e o gran Pepo Suevos, o guía de luxo desta andaina xunto a Touriñán. As paradas contaron coas contadas de Celso Sanmartín e Marita Martínez. Despois duns cantos quilómetros e de pasar unha tarde moi entretida, volveu a ser a quenda do humor en Castelo. Galifunk foron os encargados de abrir a noite e dar paso a un espectáculo de monólogos conducido por Xosé A. Touriñán. Pasaron polo escenario grandes figuras da comedia galega como Carlos Blanco, Gari Garrido, Lucía Veiga, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Federico Pérez, Isabel Risco, David Perdomo, Oswaldo Digón e Pepo Suevos.
Rematamos o domingo, coa Romaría do San Ramón. Nesta ocasión, trasladamos o vermú á Polideportiva, e estivo amenizado pola Orquesta Sinfonía, mais tampouco faltou detalle: polbeira, ruta e exposición de coches clásicos para rematar a semana máis especial do ano. Xa queda menos para a seguinte edición. No 2025 darémoslle dez voltas á festa!