Despois dunha semana cargada de actividades e de todo tipo de espectáculos, o Castelo Conta puxo fin á súa programación co seu día grande. A pesar de que pola mañá ameazaba achuvia o que protagonizou o sábado foi, sen dúbida, o ambiente de festa e as grandísima festa da comedia que foros os monólogos da noite.
A diferenza do resto dos días, a xornada comezou na hora do almorzo. Mais fíxoo dunha das mellores formas, desfrutando dun xantar popular cos veciños e veciñas de Castelo. Esta xuntanza estivo amenizada pola música festeira e os gaiteiros do Xalo. Na festa non podía faltar o churrasco e a larpeira, que os veciños cociñaron xunto cuns callos veganos feitos cos produtos da horta do cociñeiro. Estando en Castelo, non podían faltar os contos e a leria, a festa case rematou e xa son moitas as cousas que lembrar e que quedarán para sempre no gran libro non escrito do Castelo Conta.
Non todo ía ser comer, despois da enchenta hai que camiñar para baixala e non quedar durmidos á mesa. A tarde comezou coa tradicional andaina polas aldeas da parroquia. O camiño non foi tan duro grazas á música dos Viqueiras e a charanga Mil9, que acompañaron aos camiñantes e o gran Pepo Suevos, o guía de luxo desta andaina xunto a Touriñán. As paradas contaron coas contadas de Celso Sanmartín e Marita Martínez nas aldeas da parroquia.
Despois duns cantos quilómetros e de pasar unha tarde moi entretida, o público repuxo forzas na leira de Himerio. Recuperados, a seguinte parada foi a Polideportiva, que acolleu máis de 1.900 persoas. O espectáculo estivo conducido por Xosé A. Touriñán e polo noso escenario pasaron Carlos Blanco, Gari Garrido, Lucía Veiga, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Federico Pérez, Isabel Risco, David Perdomo, Oswaldo Digón e Pepo Suevos. Os cómicos non estiveron sós no escenario, Galifunk foron os encargados de abrir a noite e de acompañar o show coas súas versións funk de artistas tan dispares como Adele, Queen, os Beatles, Beyoncé, Bruno Mars ou as Spice Girls.
Aínda quedaba moita noite, os Revenidos continuaron a noite coas súas versións cheas de humor e o DJ Mínimo volveu cunha sesión animada para finalizar o día grande. Unha xornada moi especial para veciños, veciñas, visitantes e para todo o equipo do Castelo Conta.