As sobremesas do Castelo Conta son para escoitar e contar. Recuperamos a nosa memoria oral e coñecemos as historias da veciñanza a través da conversa.
Volve a radio, volven os Contos de Castelo
Os Contos de Castelo regresan conservando o formato estreado o ano pasado. O noso estudio de radio itinerante estará cada tarde, cando xa todo o mundo esperte da sesta, preparado para recoller as historias da veciñanza e compartir vivencias e experiencias. Buscamos aquelas historias dos nosos maiores mais tamén apostamos pola interxeneracionalidade, procurando un diálogo entre aquelas persoas máis veteranas, as que xa teñen algo andado e tamén as que aínda non deixaron atrás a escola.
Gústanos contar e, sobre todo, escoitar. Desa escoita naceron algúns dos mellores momentos dos Contos de Castelo, cuxa pasada edición podes escoitar aquí. Para enriquecer aínda máis estes anos de contos, queremos animar á xente a que quite a vergoña escénica e participe das conversas. Este ano, seguiremos contando coa presenza de Tone Martínez, quen leva anos escoitando e entrevistando á veciñanza e conducindo os Contos de Castelo. Da súa man coñecimos algunhas historias xa clásicas da parroquia e tamén outras sorprendentes que ninguén escoitara antes.
Nesta edición contaremos novamente con comunicadores de primeirísimo nivel, quen nos axudarán a facer a conversa máis áxil e a asentar este formato de radio que tanto nos gusta.
O luns os Contos de Castelo estrearán as tardes desta edición desde a Eira de López, en Castelo de Abaixo. Con Miguel de Lira e Federico Pérez aos mandos falaremos de cine, fotografía e banda deseñada. Acompañaranos Carlos Lorenzo para presentarnos Cardoña, fotos a sete pesetas. Falaremos da figura deste fotógrafo itinerante de Carral coa participación de Matilde Gestal, filla de Cardoña. Tamén pasará pola mesa dos Contos Ana Moreiras, autora de Xaora e Madialeva, con quen falaremos de levar as historias que nos contan aos libros.
O martes o programa está da man de quen, sen dúbida, posúe a voz máis recoñecida polo público galego. Xosé Ramón Gayoso será o condutor destes contos nos que falaremos de doenzas, menciñas e remedios. Contaremos coa participación do Doutor Simón Pardiñas, un dos comunicadores médicos con máis impacto na actualidade, con máis dun millón de suscritores na súa canle de Youtube. Falaremos tamén da regueifa da man dalgúns dos seus maiores impulsores, como Manolo Maseda e Lupe Blanco.
Chegamos á metade da semana e facémolo falando do que máis se fala en Galicia; de comer. E é que somos un pobo que fala de comida incluso mentres está comendo. Ao micro teremos a María Meizoso, quen conducirá o espazo desde a Eira do Ferrador, en Xalo. Polos Contos pasará Manuel Domínguez, chef do Restaurante Lúa, para falar de gastronomía tradicional, nova gastronomía e de comer ben, que é ao que vimos todas e todos. Teremos tamén con nós a Hadriana Casla para avanzarnos o que veremos na estrea de Mulleres de Castelo, o documental colaborativo que comezou a realizar coas nosas veciñas no ano pasado e coas que celebrou unhas cantas merendas.
Os contos do xoves son para falar de lecer, deporte e xogos. Nesta ocasión a condutora do espazo será Marta Otero Mayán, con quen falaremos de entretementos de antes, de hoxe e de sempre, como o fútbol. De fútbol e de radio precisamente fala Moncho Viña en Moito que contar, libro que acaba de presentar e que traerá a tamén a Castelo. Falaremos tamén cos protagonistas de Castelo Arre ou Show e temos algunha sorpresa máis que aínda no npodemos desvelar.
O peche desta edición dos Contos de Castelo porémolo o venres 23 desde o Monte Xalo. Ata alí desprazaremos o noso estudio que estará encabezado por Xaime Fandiño. O xubilado máis outsider de Galicia conducirá este programa no que falaremos de territorio e tecido comunitario. Contaremos coa presenza dos amigos da Comunidade de Montes de Castelo para coñecer o labor que desenvolven no Xalo e tamén estará con nós Eduardo de Martís, autor dun dos libros máis ambiciosos da fotografía e etnografía galegas: Galicia Latente.
Ao remate do festival, compartiremos na web os cinco programas, pero se queredes vivir os Contos de Castelo en directo, podedes facelo do 19 ao 23 de agosto na franxa de 17.00 a 19.30 horas.
