O luns 19 estreamos os Seráns nas aldeas coa proxección dun dos filmes do ano. Miguel de Lira, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán presentarán ‘+Cuñados’, a segunda parte das aventuras da familia Ribeiro.
Noite de cinema en Castelo
A estrea máis exitosa do ano en Galicia poderá verse nunha sesión ao aire libre na Eira de López, en Castelo de Abaixo. A proxección de +Cuñados contará ademais coa presenza dos tres protagonistas. Miguel de Lira, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán serán os encargados de presentar o filme nunha noite na que poderemos gozar tamén con Lamatumbá, que ofrecerán un concerto ao rematar a sesión.
Cuñados foi unha auténtica revolución nos cinemas, atraendo moitísimo público ás salas nunha época na que aínda estaban vixentes as restricións sanitarias. Ese gran éxito de público derivou nunha segunda parte que tamén tivo un gran paso polos cinemas, superando en público incluso grandes producións norteamericas. Nesta ocasión, o director da fita é Luís Avilés e no guión repite Araceli Gonda. Eva Fernández, Iolanda Muíños, Mela Casal e María Vázquez tamén repiten nesta segunda parte.
A acción desta volta ten lugar tres anos despois dos feitos de Cuñados. Modesto, Sabonis e Eduardo viven en Ourense onde rexentan un posto de polbo á feira. Os cuñados axiña volverán estar en apuros xa que os donos do botín da primeira parte volven para recuperar os cartos. Noventa minutos de risa e intriga nunha comedia moi galega que nos fará vivir o antroido en pleno mes de agosto.
