Comedia, tradición e fantasía: o Castelo Conta aposta por unha programación variada de representacións teatrais para todos os públicos
Dramaturxia no rural para toda a familia
A programación desta edición do Castelo Conta está pensada para que todo o mundo, cativos e maiores, desfruten dunha semana cargada de cultura, comedia e tradición. Desde concertos musicais de todos os estilos, ata gastronomía innovadora. Castelo abre as súas portas para que os seus asistentes poidan vivir unha experiencia que non deixará indiferente a ninguén.
Ademais de dúas noites de monólogos con convidados moi especiais, en Castelo tamén se poderá asistir ata tres espectáculos teatrais diferentes. Facemos un repaso sobre cando e onde terán lugar, aínda que tamén se pode consultar na nosa progamación.
A comedia ‘Máis saaabor!‘ abrirá a programación teatral o vindeiro mércores 21. Desde as 19:30 horas a Eira do Ferrador (Xalo) convertirase nun escenario para que Félix Rodríguez e Fran Rei nos fagan rir con esta proposta para toda a familia. Neste espazo estarán presentes o humor, a maxia, a música e a gastronomía para achegarnos aos fogóns dun “food truck” que promove a alimentación saludable e o consumo de produtos de proximidade mediante a preparación de cinco pratos de todos os continentes. Se vos gustou a súa obra predecesora Saaabor!, presentada o ano pasado no festival, ou se queredes pasar unha hora rindo a gargalladas, non vola podedes perder!
As outras dúas propostas teatrais levaranse a cabo o xoves 22. A primeira será ‘De Vilatriste a Vilalegre’, un espectáculo para todos os públicos interpretado por Sofía Espiñeira e Roberto Casal que chegará a Castelo a bordo da Utópica Rodante. A partir das 12:00 horas en Vilaverde poderase desfrutar desta obra de marionetas que non só pretende xerar comunidade ao redor das artes escénicas, tamén celebrar o corenta aniversario do Centro Dramático Galego. Con esta función viaxamos ata Vilatriste, onde hai unha lagoa cuxa auga outorga superpoderes a quen a bebe. Esta actuación confronta a fantasía coa realidade social do rural galego a partir da historia deste pobo, lugar no que se instalan uns novos habitantes que son recibidos con estrañeza e desconfianza polos veciños.
‘Muiñada’, interpretada por Tone Martínez e Alba Bermúdez da compañía Galeatro, tamén se escenificará o xoves 22 ás 19:30 horas en Folgueira. Esta representación é unha viaxe ao pasado para os nenos de hoxe. Unha viaxe que serve para coñecer de onde vimos e para non deixar morrer a memoria das nosas avoas e avós. Muiñada é tradición, é festa, é música e, sobre todo, teatro para toda a familia que ten como protagonista unha das edificacións galegas máis emblemáticas, os muíños.
Todas estas representacións son de balde e agora que coñeces sobre que tratan non hai escusa para non asistir! Que mellor forma de desfrutar do teatro galego que nunha contorna privilexiada coma Castelo. Esperámoste!
