Un día e unha noite para a memoria: o Día Grande do Castelo Conta

O Día Grande da décima edición do Castelo Conta 2025 foi un percorrido completo: dende o xantar comunitario que encheu de arrecendo toda a parroquia, á andaina con música e humor polas aldeas, ata unha noite que regresou ás orixes cos monólogos, e que se converteu nunha festa con Gin Toni’s e DJ Mínimo.

O Día Grande do Castelo Conta 2025 comezou en comunidade, arredor da mesa. O churrasco, os criollos, os callos veganos, o queixo Deleite A2A2 e a larpeira fixeron arrecender toda a parroquia e deron forza para unha tarde chea de emocións.

Logo chegou a Andaina, que levou á veciñanza e visitantes polas aldeas de Vilaverde, Castelo de Abaixo, Xalo e Folgueira. Cada parada converteuse nun pequeno escenario, coa música de Os Viqueiras e a Charanga Mil9, e co humor de Marita Martínez, David Amor, Pepo Suevos, Quico Cadaval, Oswaldo Digón e Gari Garrido, que fixeron que o camiño fose tamén un fío de risas compartidas. O remate foi na taberna, Casa Rodríguez, onde xa agardaba a cea: unha boa ración de fideuá e empanada para coroar a xornada.

Non rematou aí: chegou a Noite do Castelo Conta, que regresou á orixe do festival. Porque se algo lle dá sentido, dez anos despois, é seguir rindo xuntos. Galifunk Brass puxo ritmo á chegada e, no escenario, Quico Cadaval, Javier Veiga, David Perdomo, Oswaldo Digón, David Amor, Marita Martínez, Lucía Veiga e Patricia Castrillón fixeron tremer de gargalladas a polideportiva, coa aparición sorpresa de Marta Hazas. O humor apoderouse de Castelo unha vez máis, mantendo viva a esencia coa que todo comezou.

E cando a risa deu paso á festa, chegaron os Gin Toni’s. Co seu directo fresco e enérxico fixeron bailar e cantar a todas as xeracións, lembrando cancións que forman parte da nosa memoria colectiva. O peche púxoo DJ Mínimo, que prolongou o baile ata a madrugada, asegurando que este Día Grande quedase gravado no recordo como unha das xornadas máis intensas e festivas desta décima edición.

O Castelo Conta celebrou así o seu Día Grande coa mellor combinación posible: sabor, música, humor e comunidade. Un día e unha noite para a memoria, que demostraron, unha vez máis, que cando camiñamos e rimos xuntos, todo conta.

Xa podes ver as fotos na nosa web!

Oitava xornada no Castelo Conta: perdimos o avión pero collimos a nave máis criminal
Fixémolo: pechamos a décima edición do Castelo Conta
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.