Oitava xornada no Castelo Conta: perdimos o avión pero collimos a nave máis criminal

A xornada do sábado no Castelo Conta 2025 estivo marcada polas emocións e as despedidas: a cativada puxo fin ao seu programa de Xente Miúda, celebramos o último Vermú na Taberna, pechamos os Contos de Castelo e vivimos unha noite chea de gargalladas con Somos Criminais e punto final, antes de rematar cunha descarga de rock da man de Zënzar.

A mañá comezou coa frescura da infancia en Xente Miúda. As crianzas gozaron da obra As Palabras Perdidas, de Inventiteatro, que fixo voar a súa imaxinación. Máis tarde, chegou un dos momentos máis especiais: un obradoiro con Sés, onde aprenderon e cantaron o que xa é himno do festival, ‘Todo Castelo Conta’. O broche final puxérono eles mesmos, ofrecendo unha pequena actuación ás súas familias, converténdose nas estrelas do día.

Ao mediodía, a chuvia non foi quen de frear as ganas de festa no último Vermú na Taberna. Os callos de Chisco Jiménez (Culuca) deron sabor a unha xornada de tradición e calor compartida, mentres que a banda The Rapants revolucionou a polideportiva cun concerto enérxico e irreverente que fixo cantar e bailar a todo o público.

Pola tarde, Fátima Pego puxo voz ao derradeiro Contos de Castelo, centrado nas festas e verbenas como lugares de memoria colectiva. Non faltaron os xogos: adiviñar cancións, catar viños de Vía Romana describíndoos con humor, canto ou mímica. Unha sección que un ano máis cumpriu coa súa esencia: poñer no centro ás persoas maiores, ao rural e á nosa cultura.

Caeu a noite e chegou un dos momentos máis agardados: ‘Somos Criminais e punto final’. Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco fixeron tremer de risa a polideportiva cun espectáculo que imaxinaba a fin do mundo e a partida da nave Arteixo 2 cos últimos superviventes a bordo. Retranca, complicidade e identidade compartida definiron un espectáculo criminal e único.

O peche chegou con electricidade: Zënzar fixo vibrar ao público co seu rock en galego, tres décadas despois de nacer en Meirama e con máis forza ca nunca. Letras comprometidas, guitarras afiadas e a súa fidelidade á lingua e á cultura convertéronse no colofón perfecto para unha xornada de despedidas que quedará na memoria.

Xa podes ver as fotos na nosa web!

Un día para recordar: a ‘Gala dos dez anos’ encheu de emocións Castelo Conta
Un día e unha noite para a memoria: o Día Grande do Castelo Conta
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.