Fixémolo: pechamos a décima edición do Castelo Conta

O último día do Castelo Conta 2025 combinou tradición, memoria e festa: comezou cunha alborada ao son da gaita e co recendo de café, seguiu cunha romaría con coches clásicos, pulpada e sesión vermú, e rematou cunha despedida colectiva que pechou dez días inesquecibles.

O décimo día da décima edición do Castelo Conta comezou como mandan os tempos de festa: cunha alborada. Os gaiteiros foron casa por casa espertando á parroquia co son da gaita, recuperando unha tradición chea de vida e comunidade. O recendo do café de Cafés Lúa acompañou a música, facendo imposible quedar na cama. Música, sabor e encontro deron o ton perfecto para arrincar a xornada de despedida.

Logo chegou a misa na capela de San Ramón e, acto seguido, a ruta de coches clásicos percorreu as aldeas, enchendo as rúas de curiosidade. O día continuou coa Romaría do San Ramón: unha pulpada popular e a sesión vermú de La Ocaband puxeron a bailar ao público toda a tarde, mantendo viva a alegría que define o festival.

E como en toda boa festa, o derradeiro momento foi tamén compartido. Pechamos en familia, agradecendo á veciñanza, ás artistas e a todas as persoas que fixeron posible esta edición. Fixémolo: démoslle dez voltas á festa.

Conseguimos reunir tradición e modernidade, facer comunidade arredor da música, do humor, da gastronomía e da memoria. Recuperamos nomes de aldeas, editamos libros, presentamos unha aplicación para coñecer o monte e fixemos medrar unha festa sostida polo compromiso coa lingua, o rural e a súa xente.

Bailamos, emocionámonos, improvisamos cando fixo falta e volvemos rir a gargalladas. Pechamos as portas cansas e cansos, pero orgullosos e felices, porque quedou claro unha vez máis: Todo Castelo Conta.

Xa podes ver as fotos na nosa web!

Un día e unha noite para a memoria: o Día Grande do Castelo Conta
Coidando do Monte Xalo coa Asociación Galega das Castañas e dos Soutos
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.