Nunca choveu que non escampara

A segunda xornada da IX edición do Castelo Conta estivo pasada por auga, pero non faltou a retranca de Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josiño da Teixeira

Castelo amenceu mollado e a segunda xornada do festival estivo condicionada polo orballo durante toda a mañá, mais iso non foi escusa para seguir trouleando. A cativada da Xente Miúda desprazouse ata o Monte Xalo para aprender na natureza a plantar árbores e despois realizaron un pequeno paseo a cabalo grazas á Finca Abrigosa.

Os chefs da Artesa da Moza Crecha, Lolo Mosteiro e Paula Martínez, colleron o relevo nos vermús do Castelo Conta despois do éxito do luns na Casa Rodríguez. Os petiscos –sardiña, xema de ovo, marmelada de amorodo, emulsión de Hoisin e shiracha sobre unha masa de follado– gustaron a todos os asistentes, que tamén desfrutaron dun mediodía musical a cargo de Eris Mackenzie e a súa mestura de electrónica e ritmos tradicionais galegos. Carlos Eirís, quen naceu en Castelo, comezou o ano pasado o seu proxecto en solitario, mais xa goza de gran aceptación por parte do público. Houbo quen incluso se animou a sacar un punto e botar un baile.

Xa pola tarde, os Contos de Castelo volveron a entreter aos asistentes que se desprazaron ata Os Petoutos (Vilaverde). O encargado de conducir o segundo programa da edición foi Xosé Ramón Gayoso, quen cambiou o seu horario laboral habitual dos venres para o martes. Nesta tarde, falamos de algo que nos afecta a todos: doenzas, menciñas e remedios. Hai un refrán que di que “é peor o remedio que a enfermidade” e nós quixemos comprobar que opinaban os veciños de Castelo sobre isto. Ademais, contamos con dous convidados moi especiais, o Doutor Simón Pardiñas, un dos comunicadores médicos con máis impacto nas redes; pero tamén con Manolo Maseda e Lupe Blanco, dous dos maiores impulsores da arte de regueifar.

Precisamente as regueifas foron as protagonistas dos Seráns nas aldeas. Ás 19:30 horas comezou Regueifando en Castelo: festa e revolución, unha actividade que pretende achegar o valor cultural desta manifestación tan galega que vive un momento de expansión e reivindicación nos últimos tempos. Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josiño da Teixeira foron os encargados de improvisar uns versos ao tempo que participaba a veciñanza.

O peche da xornada puxérono Tiruleque, unha das formacións máis importantes da nosa música tradicional. Pandeireta, contrabaixo, pandeiro, ukelele, saxofón, porco de goma… Calquer instrumento lles vale a estes fenómenos para facer música. Todo o mundo participou na foliada levantándose para bailar as súas cancións.

A pesar que a mañá tivo unha cor gris, a música e a tradición encheron de cor Castelo neste segundo día. Aínda queda moito por troulear!

Chegar ao ceo en motoserra e outras cousas de non crer
O menú da festa
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.