Chegar ao ceo en motoserra e outras cousas de non crer

Gayoso deixa o ‘Luar’ por un día para conversar nos Contos de Castelo sobre remedios e milagres ou, o que é o mesmo, sobre medicina con maxia.

Ao Luar foi un home contar que subiu ao ceo montado nunha motoserra. Sería a última escena de Grease se a película se rodase aquí ou, quizais, o escritor de A tres metros sobre el cielo tivo a inspiración para a súa historia unha noite de venres vendo a Galega. Sexa como fose, o homiño foi subindo polo aire ata atopar un señor que dicía ser San Pedro. Explicoulle que aínda lle era cedo, que volvese para embaixo. Así, como chegara aló, marchou: na motoserra. Esta é unha pasaxe da Biblia segundo Gayoso, o presentador do segundo día dos Contos de Castelo.

O escenario muda dende o plató 1000 á aldea de Vilaverde; o micrófono segue no queixo. O tema vai de doenzas, remedios e milagres. “Trátase dunha casualidade que lle tocase a Gayoso presentalo”, comenta Touriñán, “non é pola idade, aínda que, despois de tantos anos, terías algunha vez algo que curar”. Coa conversa quedou claro que a xente de Castelo sempre mesturou a medicina coa imaxinación. Aos nenos “con sombra” curábanos meténdoos nunha fonte nove veces cun ritual moito máis concreto que a doenza que se lles diagnosticaba. Outro nivel máis avanzado requiría dun forno (con lume), no cal se metían aos pequenos asombrados.

Manolo sabe ben de que vai o tema. A súa nai curaba xente con este tipo solucións que aprendera da súa avoa. Facilmente poderiamos pensar nunha meiga, porque o coñecemento das mulleres sempre se infravalorou dun xeito ou doutro. O fillo non seguiu coa empresa familiar, que só facturaba a vontade, pois o maior pago era a cura da clientela. Porén, viu moitas cousas e tamén axudou no que puido. Por exemplo, contaba que para certos rituais era necesario ter auga da fonte, recollida co requisito de non falar ren polo camiño. Atopar un veciño implicaba repetir a operación.

“Volvémonos moi descridos“, opina Gayoso. O certo é que as crenzas non só afectan á solución dos males, tamén se cría en certos males. Carmen é unha veciña que lle “apagaba o lume” a quen o precisaba. Explica que, cando a xente se queimaba, cumpría solucionar a queimadura alén da pel. Empregábase unha combinación de remedios que en poucas farmacias se pode atopar: oracións e cuspe. Volveuse tan famosa coa súa técnica que lle viña a xente dende A Coruña. Ademais de ter vacas e apagar lumes, coméntase que foi a primeira electricista da zona. “Un día muxindo as vacas marchou a luz e non había quen subise ao poste”. “Non lle daba medo?”, preguntoulle Gayoso. “Morrer só morremos unha vez, había que tirar para adiante”.

Existen cousas que por si soas sandan, sen necesidade de moito ritual. Os allos valen para todo, incluso para que non entren goles na portería do Dépor. Os chupitos de caña eran como o paracetamol de antes usábanse para todo e con pacientes de todas as idades. “Íase probando a ver como se pode curar algo ata que se dá coa solución… o tema era cantos escarallaban polo camiño”, comenta Touri.

O podcast que será o que hoxe levou o vento debería ter unha advertencia preliminar: non facer na casa. Mentres os dos micros no queixo seguen falando de asombrados e lumes, Carme atópase cunha veciña. “Que ghuapiña vas!”. “E iso que vou polos noventa anos, pero ata os cento setenta que chegarei aínda hai tempo”. Algúns remedios e milagres quedaron gravados, outros non os coñece case ninguén.

Noticias relacionadas

X