As nosas veciñas son as protagonistas deste traballo documental colaborativo dirixido por Hadriana Casla. Este proxecto nacía no inicio do pasado Castelo Conta, cando a directora e as nosas veciñas comezaron a coñecerse, participar en diferentes obradoiros e charlas e así foi medrando este traballo cuxo resultado poderemos ver en primicia no Castelo Conta.
O ano pasado, as protagonistas e a directora pasaron polos Contos de Castelo, onde conversaron con Marga Pazos sobre como ía ser un proceso no que se implicaron moito, como se poderá comprobar na película.
A Eira do Ferrador será así o lugar da estrea dun traballo que levará polo mundo as historias de Julia Reboredo Grela, Maruxa Martínez, Rosa de Seijo, Maruja Sanchez, María Concheiro, Pilar Torreiro Grela, Mercedes García, Pilar Rodríguez, Maria de Sánchez, Maria José Cañas, Esther Pardo Vecino, Carmen Marta e Pepita.
A entrada é libre ata completar a capacidade do recinto e, unha vez finalizado, poderemos coñecer as impresións das protagonistas de primeira man.