Música, conversas e homenaxes: o cuarto día do Castelo Conta

A cuarta xornada do festival trouxo consigo o arranque das actividades semanais, o inicio dos Contos de Castelo e unha chea de emocións: desde o talento da cativada en Xente Miúda ata a homenaxe sorpresa a Xabier Díaz, pasando polo humor reivindicativo de De Vacas.

O día comezou con Xente Miúda, o campamento infantil que converte ás crianzas en protagonistas dun espazo creativo e natural. Nesta ocasión, descubriron a técnica da cianotipia da man de Iria (Castelo Studio), xogando coa luz solar para crear cadros azuis con follas e flores. Unha actividade que combina aprendizaxe, xogo e memoria compartida.

Á hora do mediodía, foi a quenda dos Vermús na Taberna. Nacho Moreira (La Esquina de Valentina) e Jorge Trigo (A Espiga) fixeron maxia nas cociñas, servindo pinchos que acompañaron á música vibrante de Brais Morán e Nasaufunk, convertendo Casa Rodríguez nunha festa chea de enerxía.

Xa pola tarde, inauguráronse os Contos de Castelo cun formato renovado: un magazine en directo guiado por Marga Pazos, Óscar Cruz e Tone Martínez, no que a veciñanza compartiu lembranzas e segredos arredor da festa. Un espazo de conversa, humor e comunidade que abriu unha nova maneira de vivir o festival.

A continuación, chegou un dos momentos máis especiais desta edición: Xabier Díaz presentou o seu Cancioneiro Galego Serodio (1989-2012), unha obra que recolle máis de 600 coplas e 45 rexistros sonoros como homenaxe a quen fixo posible a transmisión da tradición oral. A conversa, conducida por Marga Pazos, pechouse cunha sorpresa: as Adufeiras de Salitre interpretaron unha cantiga para lle render tributo, recoñecendo o apoio que Xabier lle brindou ao Castelo Conta desde os seus inicios.

A noite culminou na Casa de López coa forza e a retranca de De Vacas, que fixeron rir e bailar ao público con versións atrevidas e cheas de reivindicación. Un concerto que puxo o broche a un día cheo de tradición, comunidade e alegría compartida.

O Castelo Conta segue sumando momentos inesquecibles, coa forza da palabra, a música e a memoria viva do noso pobo.

Xa podes ver as fotos na nosa galería!

Entre cantos e emocións: así vivimos o derradeiro día no monte
UN PASEO POLA NATUREZA, HUMOR E CONCERTOS: ASÍ VIVIMOS A QUINTA XORNADA DO CASTELO CONTA
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.