A quinta xornada do festival levounos da fraga de Cabrois ata a festa musical: Xente Miúda, un vermú na taberna con auténticos artistas dos sabores e Abril poñendo a música, os Contos de Castelo máis xogosos e dous concertos que puxeron a enerxía por todo o alto, Lisdexia e Monoulious DOP.
UN PASEO POLA NATUREZA, HUMOR E CONCERTOS: ASÍ VIVIMOS A QUINTA XORNADA DO CASTELO CONTA
O día arrancou co campamento infantil Xente Miúda, que se converteu, nesta ocasión, nunha pequena expedición pola fraga de Cabrois. Acompañados por Coco, unha criatura da especie ‘pernas longas’, as crianzas aprenderon a identificar árbores autóctonas galegas coa axuda de Juan e Luis, que puxeron en valor a riqueza natural da contorna. Como recordo desta experiencia, cada neno e nena levou para a casa un pequeno acivro, símbolo de futuro e de coidado da natureza.
Á hora do mediodía, a Taberna acolleu unha nova edición dos seus xa tradicionais vermús. A parte gastronómica estivo a cargo de Lolo e Paula, de Artesa da Moza Crecha, que sorprenderon cun pan bao de lacón asado, e de Kike e Eloy, de A Horta do Obradoiro, que conquistaron co seu prato de fideos con peixe. No escenario, o protagonismo foi para Abril, que encheu o espazo cunha proposta íntima e chea de enerxía, reinterpretando cantigas tradicionais con violíns e facéndonos a todos bailar.
Xa pola tarde, chegaron os Contos de Castelo, onde a veciñanza volveu ser a auténtica protagonista. Ramiro sorprendeu co seu don para calcular a hora a partir da sombra no chan, mentres que Ures puxo o toque de complicidade e humor. A xornada completouse cun quiz sobre termos da xeración Z -como “pec” ou quen é Bad Bunny- que fixo rir e aprender por igual, cun agasallo final cortesía de Méndez-Rojo para a persoa gañadora.
A noite estalou de música co Serán do Castelo Conta. Primeiro, Lisdexia fixo ao público remexerse cun concerto cheo de forza, letras afiadas e moito ritmo, convertendo a súa estrea no festival nunha auténtica festa colectiva. Para pechar, Monoulious DOP trouxo a súa liberdade sonora e humor desinhibido, facendo cantar, rir e levantar as mans do público nun final cheo de bo rollo.
Xa podes ver as fotos na nosa galería!
