O peche do escenario natural do Xalo foi unha despedida por todo o alto: Bibopalula fixo soñar ás crianzas, as Tanxugueiras encheron o monte coa forza das pandeiretas, e Sés pechou o festival estreando en directo ‘Todo Castelo Conta’, convertido xa en himno colectivo.
Entre cantos e emocións: así vivimos o derradeiro día no monte
O Castelo Conta despediuse onte do Monte Xalo cunha xornada que condensou todo o espírito do festival: a festa da comunidade, a forza da música e a emoción compartida. Foi un día cheo de ledicia, orgullo e homenaxe.
A mañá arrincou co universo imaxinativo de Bibopalula, que fixo cantar e rir ás crianzas entre paxaros e melodías cheas de cor. Os máis pequenos foron protagonistas absolutos dun arranque entre aventuras, música e a maxia da natureza. Robin, Merli, Pegui, Carpin e Ava deron vida a un universo cheo de enerxía e alegría.
Ao mediodía chegou un dos momentos máis multitudinarios do que vai de edición: a sesión vermú das Tanxugueiras. Só coa forza das súas voces e das súas pandeiretas, fixeron rebentar un Xalo ateigado de xente. A emoción e a proximidade marcaron unha actuación na que volveron ás súas raíces, enchendo o monte dunha enerxía que facía tempo que non se vivía. Foi unha actuación íntima e, ao mesmo tempo, poderosa, que conectou co público desde a verdade máis esencial.
Nos últimos raios de sol, foi a quenda de Sés, que pechou o festival cun concerto memorable. Entre cancións e reflexións, convidou á señora Rosa de Encrobas ao escenario, recoñecendo nela unha mestra de vida e de dignidade. O momento culminante chegou coa primeira interpretación en directo de ‘Todo Castelo Conta’, himno nacido como homenaxe a estes dez anos de esforzo colectivo.
Íntimo e multitudinario, festivo e reivindicativo, o Monte Xalo converteuse nun lugar de memoria compartida. Onte o Castelo Conta viviu un momento que quedará gravado na memoria e que marcou un punto de inflexión para as vindeiras edicións: todos e todas contando, sempre e por igual.
Xa podes ver as fotos na nosa galería!
