A música toma Castelo

Nesta edición amplíase a presenza musical con concertos nos mediodías e nos seráns de luns a venres.

O Castelo Conta é unha gran festa e xa sabemos que sen música non hai baile. Para que iso non ocorra, ampliamos a presenza musical durante toda a semana. A gran novidade son os Vermús na taberna, nos que xuntamos gastronomía e música para abrir o apetito a ritmo das propostas que traerán Alana, Eris Mackenzie, Comando Curuxás, Lontreira e crnds.

Os Seráns nas Aldeas contarán con dous grupos de ampla traxectoria e un recentemente formado. O luns termos outra vez con nós a Lamatumbá, desta volta nun concerto de pequeno formato na Eira de López, en Castelo de Abaixo. Os ourensáns acturán logo da proxección de +Cuñados, de cuxa banda sonora participan. O martes é o turno para unha das formacións con máis traxectoria da música tradicional galega: Tiruleque. Menos camiño como grupo ten Maricarme, non así os seus compoñentes xa que Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido teñen moito andado na música galega. Poderemos velos o mércores logo da estrea de Mulleres de Castelo na Eira do Ferrador, en Xalo.

O xoves chegará a Castelo Boyanka Kostova. Chicho e Cibrán veñen cos seus ritmos urbanos, o seu sentido do humor e os seus mellores chándals para poñer de volta á Polideportiva. O dúo compostelán saltará ao escenario logo de que remate Castelo Arre ou Show.

O venres é a Noite de Concertos no Castelo Conta. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés e Dios que te crew conforman o cartel desta edición. Xabier volve para dar con nós outra volta á festa acompañado das Adufeiras de Salitre, Sés ofrecerá un dos poucos concertos con banda deste ano e Dios ke te crew estréanse en Castelo para celebrar vinte anos sobre os escenarios. Para que a festa non remate cedo, Peter Sélek estará aos platos cunha sesión especial para bailar en Castelo. Aínda quedan entradas dispoñibles para este concerto aquí.

Tamén temos música para os miudos! O venres ao mediodía, Uxía Lambona e a Banda Molona serán os encargados de clausurar a semana da Xente Miúda cun concerto aberto a todo o mundo na Polideportiva.

O sábado teremos a Galifunk abrindo e acompañando a Noite de Monólogos e logo a música continuará ata que o corpo aguante cos Revenidos e DJ Mínimo. Os concertos, salvo o da noite do venres, son de libre acceso ata completar a capacidade dos recintos.

Non perdas detalle do Castelo Conta
Esgotadas as localidades para o Castelo Arre ou Show
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.