Só dez días despois de que sairan á venda xa non quedan entradas para unha das grandes citas do festival, que cada ano presenta Xosé A. Touriñán.
Esgotadas as localidades para a noite de monólogos
Pouco menos de corenta e oito horas duraron as prazas para as actividades das cativas e cativos, e non máis de dez días para unha das grandes citas para o público adulto no Castelo Conta. Na tarde deste sábado esgotáronse todas as localidades para o gran espectáculo de monólogos do festival, que este ano protagonizarán Carlos Blanco, Lucía Veiga, David Perdomo, Isabel Risco, Federico Pérez, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Gari Garrido.
Máis de mil cincocentas persoas encherán a polideportiva no colofón a todo un día de festa en Castelo que comezará ao mediodía, co xantar preparado polas veciñas e veciños da parroquia, para iniciar a primeira hora da tarde a andaina polas aldeas de Castelo. Para estas actividades quedan aínda prazas, que poden reservarse a través da web do Castelo Conta.
O Castelo Arre ou Show, a piques de esgotar localidades
Outro dos espectáculos que está a ter unha gran acollida é a gran novidade do festival deste ano. O Castelo Arre ou Show permitirá ao público gozar dunha sesión de comedia inédita a cargo de David Amor, David Perdomo, Federico Pérez, Isabel Garrido, Tamar Novas e Xosé A. Touriñán. As entradas poden mercarse aínda a través de Ataquilla.
