O campamento para a cativada do Castelo Conta volveu esgotar as prazas o día no que saíron á venda. Nesta ocasión, fixeron falta pouco menos de dúas horas para completar a totalidade das inscricións.
Esgotadas as prazas para a Xente Miúda en só dúas horas
A Xente Miúda do Castelo Conta é un programa que desenvolvemos pensando nos máis pequenos. A filosofía do festival reflíctese nos obradoiros e actividades deseñadas para o campamento. De luns a venres, as e os miúdos desfrutan mentres aprenden a importancia do coidado e o respecto pola natureza. Fano nun entorno natural como é Castelo, coñecendo de primeira man como a veciñanza coida e mantén en boas condicións o monte, aprendendo a cultivar vexetais, creando xogos, pinturas e outros deseños a través de obxectos naturais ou reciclados…
Durante esta semana, coñecerán o traballo que Iria do Castelo fai desde Castelo Studio, un espazo artístico multidisciplinar polo que pasan creadores de todo o mundo. Coa axuda dos nosos veciños, aprenderán a cultivar verduras e hortalizas, coñecendo así o valor do produto de proximidade co que o chef Manuel Domínguez fará unha demostración de como cociñalas. O ciclo completo, da terra á pota.
Grazas á colaboración da Comunidade do Monte Veciñal de Castelo, tamén realizarán unha andaina polo Xalo na que coñecerán as especies autóctonas que os veciños plantan e conservan. Nesta visita ao Xalo aprenderán sobre a importancia de manter o monte libre de plásticos. Importante é tamén difundir o traballo feito e chegar á xente. Diso falaralles o creador de contido Xurxo Carreño, quen gañou moita popularidade cos seus vídeos cómicos en Tik Tok e Instagram, popularidade que aproveita para difundir tamén o traballo que se fai na limpeza das praias e os ríos e da necesidade de coidar o medio natural.
Outra visita importante que terá a cativada é a da Utópica Rodante, a furgoneta-teatro grazas á que poderán asistir á representación de De Vilatriste a Vilalegre, unha coprodución do CDG e Teatro ao Cubo que combina traballo actoral e monicreques e que está pensada para xerar comunidade ao redor das artes escénicas.
Se hai algo que se puxo de moda entre a cativada nos últimos anos é bailar diante dos teléfonos. E como no Castelo Conta somos moi de bailar e tamén de crear contido, aprenderemos xuntos como gravar un videoclip para sorprenden ás nais e pais na festa do venres. A festa contará coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, un espectáculo que está aberto a todo o mundo que se queira achegar a Castelo a pasalo ben.
Temos tamén algunha sorpresa gardada para que esta semana sexa inolvidable para toda a Xente Miúda!
