Os Contos de Castelo

Conversamos coa veciñanza de Castelo para recuperar a tradición oral e a memoria local.

Nas tardes do Castelo Conta, do luns 22 ao venres 26, reunímonos coa veciñanza dos diferentes lugares de Castelo. Trátase dunha actividade itinerante que pretende abordar diferentes temáticas en diferentes puntos, cun obxectivo único: poñer á contorna de actuación e ás súas xentes no centro.

Como cada ano, Tone Martínez conducirá estas pequenas xuntanzas e guiará as conversas que delas xurdan. En cada unha das tardes teremos a oportunidade de coñecer en profundidade e de primeira man as historias dos nosos veciños e veciñas; rescatando a tradición oral e a memoria local a través dos Contos de Castelo.

Entre as conversas que terán lugar atoparemos oco para falarmos de música tradicional, emigración ou ciencia, nun contexto de vinculación ao pobo cullerdense. Ademais, tamén recuperaremos o arquivo local, tanto fotográfico como audiovisual, a través dunha pequena mostra formada por contribucións comunitarias, proxectadas en Super8. Tamén aproveitaremos estas xuntanzas para celebrar a figura de Finita Gay, rememorando a traxectoria desta artista e inaugurando a homenaxe plástica que realizará o artista Mon Devane no centro social de Castelo.

Así entre Folgueira, Xalo, Vilaverde e Castelo de Abaixo transitarán as conversas, co obxectivo de poñer en común a sabedoría e as lembranzas populares dos nosos maiores e de achegalas a un público cada vez máis amplo. De luns a venres, ás 17:00h.

O acceso a esta actividade é libre e para todos os públicos.

Noticias relacionadas

X