Por fin podemos dicilo: os Contos de Castelo da décima edición do Castelo Conta xa están dispoñibles para todo o mundo!
No décimo aniversario do festival, a actividade máis emblemática do Castelo Conta deu un paso máis e transformouse, por primeira vez, nun auténtico magazine en directo, que agora pode verse íntegro desde a nosa web.
O formato máis tolo fíxose coa aldea
O que comezou hai dez anos como pequenos círculos de conversa entre veciños e veciñas, evolucionou ao longo do tempo ata converterse nun espazo de encontro cheo de vida. Despois das versións en podcast, este ano os Contos de Castelo deron un salto técnico e creativo: as cámaras e a realización chegaron á aldea, convertendo as tardes do festival nun programa de televisión en directo.
Guiados por Marga Pazos, Óscar Cruz, Tone Martínez, Isa Garrido, Fede Pérez e Fátima Pego, os diferentes programas celebrados durante o festival deron voz ás historias, lembranzas e anécdotas da veciñanza. Houbo de todo: desde confesións sobre os segredos dos palcos das orquestras ata xogos de cultura popular, concursos, improvisacións, risas e mesmo actuacións en directo.
Cada tarde, os Contos de Castelo fixeron parada en diferentes espazos da parroquia, en ocasións coa participación de convidadas e convidados especiais, como Hadriana Casla, directora do proxecto Mulleres que Contan, ou Manolo Maseda e Saúl Rivas, directores do documental Ao son da nova regueifa.



