A Asociación Cultural Castelo Conta e o Colectivo Grigri presentan Mulleres en Rede, un proxecto en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade que recolle as voces e vivencias das mulleres de Vilaño e da Illa de Arousa.
O Centro de Interpretación das Conservas da Illa de Arousa acolle este xoves 27 de novembro, ás 17.30, a presentación de Mulleres en Rede, un proxecto promovido pola Asociación Cultural Castelo Conta e o Colectivo Grigri, en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.
O acto contará coa participación de Luis Arosa García, alcalde da Illa de Arousa, Xosé A. Touriñán, en representación de Castelo Conta, Hadriana Casla, directora do proxecto e integrante do Colectivo Grigri, e María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade. Ademais, asistirán tamén as mulleres participantes nas sesións levadas a cabo na Illa de Arousa, en Vilaño (A Laracha) e as compañeiras de Castelo (Culleredo), que compartirán parte do traballo realizado nos últimos meses.
A visibilización dos coidados e a memoria colectiva
Mulleres en Rede nace coa vontade de dar voz ás mulleres maiores do rural galego, visibilizando o seu papel como sostén invisible dun sistema de coidados esencial para as comunidades. A iniciativa convida a reflexionar sobre o paso do tempo, o amor, a dependencia, a vellez e a morte, ao tempo que reivindica a necesidade de construír un sistema de coidados máis xusto, equilibrado e recoñecido.
A súa metodoloxía baséase en encontros, dinámicas colectivas e procesos de creación audiovisual participativa, nos que as mulleres empregan a palabra, a imaxe e o son para explorar as súas experiencias e formular un relato común. O proxecto continúa así a liña iniciada por Mulleres de Castelo e ampliada posteriormente con Mulleres que Contan, xerando unha rede de apoio, memoria e creación entre grupos de diferentes localidades.
Unha presentación aberta ao público
O acto será conducido por Xosé A. Touriñán e abrirase coa benvida do alcalde da Illa de Arousa. A continuación, intervirán Hadriana Casla e María Quintiana Pérez para presentar as claves desta proposta cultural e comunitaria que se está a desenvolver entre setembro e novembro na Illa de Arousa e Vilaño.
Ao remate, celebrarase unha sesión conxunta entre os distintos grupos participantes, na que se porán en común os primeiros materiais dun arquivo audiovisual colaborativo que continuará medrando nos próximos meses. Será tamén unha oportunidade para escoitar en primeira persoa as reflexións das mulleres arredor da vellez, das redes afectivas que sosteñen a vida diaria e das súas inquedanzas sobre como coidar e ser coidadas no presente e no futuro.
Un documental en marcha
A presentación enmárcase no proceso de creación da longametraxe Mulleres en Rede, actualmente en desenvolvemento. O filme reunirá mulleres chegadas de diferentes puntos de Galicia para realizar un exercicio colectivo de memoria, pensamento e proxección arredor dos coidados, poñendo en valor a súa potencia transformadora en tempos marcados pola velocidade e a lóxica da produtividade.
Financiado pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, o proxecto continúa así a consolidar unha rede galega de mulleres, memoria e coidados que comezou en Castelo no verán de 2023, e que hoxe segue expandíndose a novos territorios.

