Xente Miúda para sementar o futuro

As actividades do Castelo Conta para a cativada estiveron orientadas ao ensino do valor do medio natural, da cultura rural e da tradición oral.

Non son poucas as festas de moi diferentes tipos que acaban coa xente da zona farta e intensos labores de limpeza. No Castelo Conta o respecto polo medio natural e pola veciñanza —da que e pola que xorde este festival— non se limitaron ao espazo da semana de programación; quíxose estender máis aló de xeito que o visto e vivido perduren no tempo e sexan semente para o futuro. Por iso as mañás estiveron dedicadas ás e aos cativos, á Xente Miúda.

Do campamento participaron un total de 40 nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, aos que oito monitores, a veciñanza e o Monte Xalo lles aprenderon sobre o valor do noso patrimonio natural, a riqueza da cultura rural e da tradición oral, e das artes escénicas e a creación artística coma fonte de entretemento. Isto traduciuse nunha intensa serie de actividades coas que levar ao terreal os valores sobre os que botamos raíces. A cativada aprendeu sobre a flora da zona ao longo dunha andaina polo Xalo, no que tamén plantaron árbores autóctonas, desenvolveron un obradoiro de autocultivo e crearon un refuxio para insectos que favorecen a boa marcha das hortas. Tamén se divertiron con xogos tradicionais, papiroflexia e crearon unha obra de teatro que representaron o derradeiro día para as súas familias e para a veciñanza.

Mais o campamento non é un espazo educativo no que se chantan uns valores e se encerran nun microsistema, senón que os pequenos e as pequenas puideron ver que unha comunidade enteira como é a de Castelo fai a súa vida sen desarmonizar co entorno. Incluso estando en festas. Só deste xeito se entende que os veciños e veciñas deixasen as súas eiras e alpendres para facer concertos e representacións teatrais, que se minimizase o impacto ambiental do festival empregando envases sostibles ou que o día grande dunha semana de troula inclúa unha andaina de catro horas.

Para a realización de todas estas actividades contamos co apoio do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña; grazas ao seu impulso, estas actividades orientadas aos máis pequenos e tamén o resto de iniciativas de concienciación e educación medioambiental do Castelo Conta —como a iniciativa #senplásticosnomonte— puideron levarse ao cabo nas mellores condicións posibles.

Poñer o foco no miúdo —en insectos, sementes…— é aprender a mirar para así poder apreciar. Actuar, falar ou xogar é compartir o aprendido e así poder seguir aprendendo. Xente Miúda será un campamento para pasalo ben unha semana, pero tamén para ir cambiando, paseniño, a cultura do ocio actual.

 

Búscate nas fotos da Andaina!
O Castelo Conta modelo de Cultura Rural Sustentable
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.