Xa está en marcha o Castelo Conta 2024

Do 19 ao 25 de agosto, Castelo volve ser a capital da cultura no rural de Galicia.

Castelo volverá ser un ano máis a capital da cultura no rural durante o mes de agosto. O Castelo Conta celebrará a súa novena edición do 19 ao 25 de agosto cunha nova imaxe e unha ambiciosa programación que avanzou este martes Xosé A. Touriñán, director do festival.

O acto de presentación contou coa presenza de José Ramón Rioboo (alcalde de Culleredo), Natividade González (deputada de Cultura na Deputación da Coruña), Jacobo Sutil, director da Agadic e José López Campos (conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude), ademais de representantes de Deleite e Estrella Galicia, empresas colaboradoras do festival desde os seus inicios.

A edición deste ano será a máis ambiciosa até o momento, ofrecendo unha programación ampla e diversa que dá boa conta do que é hoxe a cultura galega. Tal e como adiantou Xosé A. Touriñán, dentro das propostas deste ano mantéñense moitas actividades habituais como o Día Grande do Castelo Conta. Esta xornada celebrarase o sábado 24 de agosto cunha andaina polas aldeas de Castelo, con actuacións de Celso Sanmartín e Marita Martínez nas diferentes paradas e a Noite dos Monólogos, conducida polo propio humorista. Este espectáculo contará coa participación de cómicos e cómicas ben recoñecidas no humor galego como Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Oswaldo Digón, Isabel Risco, Pepo Suevos, Federico Pérez, Gari Garrido e Patri Castrillón.

Outra das pezas importantes do festival é a música, que neste noveno Castelo Conta chegará da man de artistas e grupos como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés, Dios ke the Crew, Boyanka Kostova, Lamatumbá, Maricarme, Tiruleque ou Peter Sélek, entre outros. Ademais, Castelo acollerá un ano máis espectáculos de humor como Castelo Arre ou Show, unha proposta inédita na que participarán Tamar Novas, David Amor, David Perdomo, Isabel Garrido, Patri Castrillón, Manuel Cortés e Xosé A. Touriñán.

Por outra banda, os Contos de Castelo celebraranse de luns a venres como encontros nos que os veciños e veciñas máis maiores compartirán con todo o público as súas historias e recordos. Polas tardes será a xente maior quen tome a palabra nesta proposta que manterá o formato radiofónico estreado na edición anterior. Esas conversas estarán conducidas por Federico Pérez e Miguel de Lira, Xaime Fandiño, Xosé Ramón Gayoso, María Meizoso e Marta Otero Mayán.

Tamén haberá espazo para o audiovisual: o festival acollerá a proxección da película + Cuñados, un dos grandes éxitos na gran pantalla, que irá acompañada dunha presentación dos seus protagonistas. Outro momento de cine será a estrea de Mulleres de Castelo, un documental colaborativo dirixido pola cineasta Hadriana Casla e protagonizado polas nosas veciñas da parroquia.

A edición deste 2024 afondará no seu compromiso de difundir a tradición oral e para iso ofrecerá os espectáculos Regueifando en Castelo: festa e revolución e o Castelo Conta Poetry Slam. Estas propostas contarán coa participación de algúns dos grandes regueifeiros e regueifeiras do país e poetas, neste caso en formación exhibición.

Unha das novidades desta novena edición do Castelo Conta é que reabrirá a Casa Rodríguez, que se converterá na taberna de Castelo durante o festival. Funcionará como centro de reunión e acollerá actividades no mediodía, con degustacións de petiscos cociñados en directos por Bea Sotelo, Lolo Mosterio e Paula Martínez, Manuel Domínguez, Damián Paris e Kike Piñeiro. Estas sesións vermú irán acompañadas da música de Alana, Eris Mackenzie, Lontreira, Comando Curuxás e crnds.

Para os máis pequenos e pequenas da casa haberá cada mañá as actividades da Xente Miúda do Castelo Conta. Este público infantil tamén poderá gozar dos espectáculos Máis Saaabor!, de Culturactiva e De Vilatriste a Vilalegre, de Teatro ao Cubo e o CDG, Muiñada, de Galeatro, así como do concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Ademais, están previstos distintos obradoiros coa artista Iria do Castelo, o cociñeiro Manuel Domínguez e o creador de contido Xurxo Carreño.

Como remate da semana, o domingo 25 terá lugar desde primeira hora da mañá a Romaría do San Ramón coa súa tradicional Alborada, ruta e exposición de coches clásicos, pulpeiras e sesión vermú da man da Orquesta Sinfonía.

A programación completa está dispoñible aquí. A entrada para maioría de actividades é de libre acceso, as entradas para aquelas que o requiran estarán dispoñibles na web do festival a partir das 12.00 horas deste mércores 10 de xullo.

O Castelo Conta é unha iniciativa de Xosé A. Touriñán e os seus veciños e veciñas de Castelo e conta co apoio do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Deleite e Estrella Galicia. 

Un festival transparente
Xa están á venda as entradas para o Castelo Conta 2024
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.