Un festival transparente

Mentres nos encamiñamos a unha nova edición do Castelo Conta, facemos un exercicio de transparencia: publicamos as contas da última edición. Esta é unha iniciativa sen ánimo de lucro, promovida polas veciñas e veciños de Castelo, de cuxo financiamento participan o público pagando as súas entradas, as principais administracións, e algúns patrocinadores privados.

A edición 2023 do Castelo Conta contou cun orzamento de 234.170,60 €, un 21% superior ao da anterior edición, e o máis elevado de todas as celebradas ata o momento. Isto é grazas ás persoas e institucións que pensades que esta festa é unha boa idea: temos a sorte de que sodes moitos e diversos. Todo proxecto capaz de diversificar as súas fontes de ingresos é, por enriba de todo, máis independente, e ten por diante un futuro máis saudable.

Dicímolo con orgullo: a nosa principal fonte de ingresos é o público. Entre a venda de entradas, de comida e bebida, e de produtos do festival como camisetas ou suadoiros, recadamos este ano 138.657,80 €, un 59% do total. Xusto despois sitúanse os ingresos procedentes das diferentes administracións públicas: as achegas de Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia sumaron no 2023 un total de 38.500 € (16%), aínda que coa achega de recursos, instalacións e medios técnicos estas administracións nos aforraron cantidades importantes de gasto. Os nosos patrocinadores achegaron un total de 47.500 € (18%). Completan os ingresos as doazóns das veciñas e veciños de Castelo, por 6.050 € (2%), e as inscricións no obradoiro de teatro ‘Fai o teu’ e en Xente Miúda do Castelo Conta, que suman 3.462,80 € (1%).

Contamos, ademais, coa colaboración de moitas marcas e empresas que fixeron achegas ao festival con descontos nos seus servizos, ou mesmo cedéndonos material de balde. Doutro xeito, o nivel de gasto sería superior, polo que a súa colaboración é tamén unha parte importante da autonomía coa que contamos para seguir organizando o Castelo Conta.

No capítulo de gastos, cómpre lembrar que o festival non ten ánimo de lucro, polo que só pagamos servizos profesionais externos, e como moito, gastos de desprazamento ou manutención. Ningún veciño/a de Castelo, e ningún colaborador das asociacións que participan na organización, como Castelo Deporte ou a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, cobra nin un só euro pola súa contribución á actividade.

O festival acumulou no 2023 un total de gasto artístico por importe de 55.984,84 €, dos cales 9.562,06 € se corresponden a espectáculos de artes escénicas, e 44.719,41 € a espectáculos musicais, e 1.703,37 € a colaboracións coa actividade para os miúdos do Castelo Conta.

No apartado do persoal técnico e de produción (técnicos de son, iluminación de audiovisuais, persoal de produción, persoal de seguridade, persoal de montaxe…), o total de gasto ascendeu ata os 50.518,15 €. No que se refire ás montaxes (escenarios, aluguer de equipos de son, luces, pantallas), o total foi de 36.859,80 €.

Os gastos de produción ascenderon ata os 47.927,10 €: divídense en 10.223,67 € de quilometraxes, peaxes, xantares, catering, aloxamentos e aluguer de vehículos, 917,86 € de seguros, 6.529,82 € de asesoría laboral e fiscal, asesoría en prevención de riscos e avogados, 3.693,21 € de dereitos de autor, 20.181,82 € de aluguer de estruturas e materiais como carpas, casetas, estruturas de sombra, cadeiras, mesas e decorados, e 6.380,72 € de servizos profesionais de electricistas ou tradución en lingua de signos, entre outros.

O gasto promocional sumou 31.888,60 €, entre rotulación, campañas en xornais impresos e dixitais, radio, páxina web, aplicación móbil ou roupa para o equipo, e o gasto en hostalaría supuxo 11.829,51 €.

O remanente co que conta o festival incorpórase ao orzamento global de actividades da asociación Castelo Conta -a Comisión de Festas de Castelo-, que este ano organizou tamén as festas do Santiago Apóstolo no mes de xullo, e participa da produción dun documental protagonizado por un grupo de mulleres de Castelo, que se estreará na edición 2024.

Cómpre sinalar as dificultades -habituáis na produción de calquera iniciativa cultural- derivadas dos prazos de pagamento, en especial, das administracións públicas, que obrigan a soportar custos financeiros e levar un control detallado dos fluxos de tesourería para minimizar o tempo no que artistas, técnicos e o resto de provedores do festival cobran as súas facturas.

X