Vilaño emociónase coa preestrea de ‘Mulleres en Rede’, unha homenaxe ás súas protagonistas antes da estrea final

As mulleres participantes descubriron por primeira vez a peza documental dedicada ao seu territorio nun encontro marcado pola emoción e a forza dos vínculos creados ao longo do proceso.

O pasado xoves 23 de xullo, o Adro de Vilaño, na Laracha, acolleu a preestrea da peza documental centrada nas mulleres deste territorio. A cita forma parte do percorrido previo á estrea oficial do documental colaborativo, prevista para o vindeiro 27 de agosto no festival Castelo Conta. Ata entón, cada comunidade participante pode descubrir antes ca ninguén a historia construída a partir da súa propia experiencia.

Nesta ocasión foi a quenda de Vilaño, un dos grupos máis numerosos de todo o proceso. Lonxe de dificultar a creación de vínculos, esa diversidade acabou converténdose nunha das súas grandes fortalezas. Ao longo dos meses, os encontros serviron para que as participantes descubrisen que moitas das experiencias que creían individuais eran, en realidade, compartidas. Mulleres que durante anos asumiron os coidados como unha responsabilidade silenciosa atoparon neste espazo un lugar onde poñer palabras ao vivido, recoñecerse nas historias das demais e construír unha rede de apoio que continúa máis alá do propio proxecto.

Arroupadas pola veciñanza, as súas familias e amizades, chegou o momento máis agardado da xornada: verse reflectidas na pantalla por primeira vez. As risas, os silencios e as bágoas sucedéronse ao longo da proxección, mentres as participantes recoñecían nas imaxes non só a súa propia historia, senón tamén a das súas compañeiras e, á súa vez, a forza do camiño percorrido xuntas.

Despois da proxección, as protagonistas compartiron o que significara para elas formar parte desta experiencia. Falaron dos vínculos creados, da importancia de sentirse escoitadas e de descubrir que as súas historias tamén merecen ocupar un lugar. As intervencións serviron tamén para lembrar as reivindicacións que o grupo leva meses construíndo arredor dun sistema de coidados público, universal e de calidade. Durante anos estiveran acostumadas a ocupar un segundo plano; desta volta eran elas quen estaban no centro.

As súas palabras emocionaron tamén ao público, que respondeu cunha escoita atenta e agarimosa. Houbo preguntas, mensaxes de agradecemento e palabras para poñer en valor a labor das mulleres do rural galego, nun ambiente no que a comunidade puido comprender mellor o valor dun proceso que foi moito máis alá da creación dun documental. O que se compartía naquela tarde era tamén unha maneira distinta de entender os coidados: como unha responsabilidade de todos e de todas, baseada no apoio mutuo, no recoñecemento e na necesidade dun maior compromiso institucional.

A preestrea de Vilaño continúa así o percorrido destas presentacións polos distintos territorios implicados no proxecto. Nas próximas semanas, as pezas dedicadas a cada comunidade chegarán tamén á Illa de Arousa, Taboada, Triacastela e Manzaneda, antes da estrea do documental colaborativo no Castelo Conta, onde todas esas voces volverán reunirse nun único relato.

A festa tamén é da cativada: Xente Miúda esgota as súas prazas
Do mar á pantalla: a Illa de Arousa descubre a historia das súas mulleres
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.