A festa tamén é da cativada: Xente Miúda esgota as súas prazas

As 80 prazas para a programación infantil do Castelo Conta 2026 xa están completas. Durante cinco mañás, as crianzas vivirán o festival desde dentro a través da natureza, a música, o teatro, a creación artística e o patrimonio de Castelo.

No Castelo Conta sempre houbo un lugar para todas as idades. Desde os encontros arredor da memoria e a tradición oral ata os concertos, a gastronomía ou as propostas familiares, o festival naceu coa idea de facer da cultura un espazo desfrutable para todas as xeracións. Xente Miúda é unha das iniciativas que mellor representa esa maneira de entender a festa: unha programación pensada para que a cativada tamén forme parte do festival.

As 80 prazas dispoñibles nesta décimo primeira edición xa están esgotadas, confirmando a boa acollida dunha iniciativa que medra ano tras ano e que se converteu nunha das propostas fundamentais do Castelo Conta. Entre o luns 24 e o venres 28 de agosto, as nenas e nenos de entre 5 e 12 anos participarán nun programa de actividades que combina natureza, creación artística, música, teatro e tradición.

A semana comezará cos obradoiros artísticos de Castelo Studio e cunha achega á contorna natural das fragas de Cabrois, onde coñecerán as especies autóctonas dos nosos montes. Tamén haberá espazo para o teatro coa representación de O tranvía Leonardo, de Fantoches Baj Monicreques; para o baile tradicional cun obradoiro impartido por Artur Puga; e para a música coa proposta de Xavi Lozano, na que as crianzas construirán instrumentos a partir de materiais de refugallo e descubrirán o son de obxectos cotiáns a través do espectáculo Tubos do mundo. A programación completarase cunha sesión de Cinema de Sombras, onde os máis pequenos e pequenas da casa explorarán novas formas de contar historias coa luz como protagonista.

Cinco mañás para coñecer o territorio, experimentar con diferentes linguaxes artísticas e descubrir novas formas de achegarse á cultura desde o xogo e a participación. Un espazo no que poderán facer novas amizades e crear unha chea de recordos!

O humor volve encher Castelo: A Noite do Castelo Conta esgota todas as localidades
Vilaño emociónase coa preestrea de ‘Mulleres en Rede’, unha homenaxe ás súas protagonistas antes da estrea final
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.