Do mar á pantalla: a Illa de Arousa descubre a historia das súas mulleres
As protagonistas descubriron por primeira vez a peza documental construída arredor das súas historias nunha xornada marcada pola celebración, o carácter mariñeiro da Illa e o reencontro coas pioneiras de ‘Mulleres de Castelo’.
O pasado luns 27 de xullo, a praza situada fronte á antiga conserveira Goday, hoxe Centro de Interpretación da Conserva, encheuse de música e celebración para acoller a preestrea de ‘Mulleres en Rede’. Nunha tarde marcada polas altas temperaturas, as terrazas dos bares da contorna comezaron a encherse de mulleres que compartían un último refrixerio antes de achegarse ao lugar da proxección. O ambiente festivo foi medrando pouco a pouco, ata converter a praza nun punto de encontro para as protagonistas, as súas familias, a veciñanza e compañeiras chegadas doutros territorios.
A xornada comezou coa intervención de Hadriana Casla, directora do proxecto, que deu a benvida ao público e presentou o encontro. Manuel Suárez, tenente de alcalde da Illa de Arousa, tomou despois a palabra para lembrar a historia do espazo que acollía a actividade e a relación da vila coa industria conserveira. A recuperación e conservación destes lugares, explicou, é tamén unha forma de coidar e preservar a memoria colectiva. Unha memoria na que as mulleres da Illa ocupan un lugar fundamental. A intervención serviu ademais para reivindicar a importancia dos servizos públicos de coidados e, en particular, do Servizo de Axuda no Fogar, así como a responsabilidade das administracións locais no seu reforzo.
Pero o verdadeiro comezo da celebración chegou cando o público se puxo en pé para recibir ás protagonistas. As mulleres da Illa entraron na praza ao ritmo dun pasodobre, acompañadas polas gaitas. Algunhas facíano collidas da man, outras con certa emoción e mesmo algo de sorpresa ante a atención recibida. E tamén houbo quen entrou coma unha auténtica estrela, saudando á xente ao seu paso. Todas acabaron diante do photocall, onde posaron xunto a Hadriana antes de recibir unha visita moi especial: as ‘Mulleres de Castelo’, pioneiras do proceso que deu orixe a esta iniciativa.
A súa presenza permitiu conectar dúas experiencias separadas no tempo, e aínda así, unidas pola mesma vontade: crear espazos nos que as mulleres poidan compartir as súas vidas, recoñecerse nas experiencias das demais e construír vínculos. As mulleres de Castelo lembraron o que significou para elas participar naquel primeiro proceso. Ao comezo non sabían moi ben a que ían, pero acabaron abrindo a súa vida ás demais e creando unha rede que continúa hoxe en forma de encontros e actividades compartidas. Animaron así ás participantes da Illa a seguir atopándose e facendo vida xuntas.
Antes de comezar a proxección, Hadriana puxo tamén o foco nos Manifestos dos Coidados construídos ao longo do proxecto. No caso da Illa, o mar atravesa boa parte das reflexións e das vidas das participantes, lembrando que falar dos coidados significa tamén falar dos territorios, dos traballos e das comunidades que sosteñen a vida.
A peza documental comeza precisamente aí: na vida cotiá das mulleres da Illa, nas súas rutinas e no traballo que forma parte das súas historias: o marisqueo. A través das súas voces e das imaxes do territorio, o documental percorre unha Illa marcada polo mar e pola relación estreita entre paisaxe, traballo e comunidade. Os planos da vila e da contorna mariña acompañan unhas historias que, durante anos, formaron parte da vida cotiá pero que poucas veces ocuparon o centro dun relato propio.
Durante a proxección sucedéronse as risas e tamén as bágoas, a medida que as protagonistas se vían a si mesmas na pantalla e volvían escoitar as súas propias historias. Despois, foron elas mesmas as que subiron ao palco para falar do percorrido vivido durante estes meses e compartir co público o que significara formar parte de ‘Mulleres en Rede’.
O encontro converteuse así tamén nun espazo de diálogo entre territorios. As compañeiras doutros grupos achegáronse para escoitalas, facerlles preguntas e felicitalas polo camiño percorrido. As mulleres de Baroña foron algunhas das que tomaron a palabra, nun intercambio no que as experiencias dunha comunidade servían para recoñecer as doutras. A sororidade, o apoio e a complicidade entre elas volveron ocupar o centro da xornada.
A preestrea rematou coa música e cunha pequena celebración arredor da mesa, entre petiscos e conversas. O percorrido das preestreas continuará agora por Taboada, Triacastela e Manzaneda, antes de que todas estas voces volvan atoparse na estrea do documental colaborativo no Festival Castelo Conta, o vindeiro 27 de agosto.
