Un mércores de bo dente

O mércores a gastronomía foi a protagonista indiscutible do Castelo Conta, unha xornada que contou co chef Manuel Domínguez e coa cineasta Hadriana Casla

Terceiro día de festival e terceiro día de troula. A xornada solleira do mércores estivo protagonizada pola gastronomía, presente en todas as actividades do día. Non o podemos negar: en Galicia somos bos comedores. E moitos dos que nos visitan fano precisamente por iso, porque saben que aquí atoparán unha gastronomía excelente e produtos sen igual.

Pero non vai ser todo chegar e encher. Iso sabeno ben os nenos e nenas da Xente Miúda, que tiveron a oportunidade de aprender a cociñar da man de Manuel Domínguez, chef do Restaurante Lúa. No obradoiro empregaron unha variedade de produtos de proximidade co fin de fomentar unha agricultura máis responsable co medio ambiente. Estes alimentos non só son máis frescos e de maior calidade, tamén apostan polo rural e pola economía circular.

Manuel Domínguez tamén foi o encargado de deleitar cun petisco a todos os que se achegaron ata o Vermú na taberna da Casa Rodríguez. O chef ten o seu restaurante en Madrid, mais sabe ben o que nos gusta aos galegos unha boa tapa antes de xantar. Nesta ocasión tratouse dunha ensaladilla de marisco. Comando Curuxás amenizou a sesión co seu son que lembra ás antigas romarías. O público non deixou de mover os pés ao ritmo da jota e da muiñeira.

Pola tarde non faltaron os Contos de Castelo, unha das seccións favoritas do público, e nesta ocasión a temática non podía ser outra que o bo comer. A xornalista María Meizoso foi a encargada de conducir o espazo desde a Eira do Ferrador (Xalo), lugar polo que pasaron dous convidados excepcionais. O chef do Restaurante Lúa compartiu cos asistentes unha conversa sobre gastronomía nova e tradicional, mentres que a cineasta Hadriana Casla adiantou algunhas das anécdotas e historias que se poden ver no seu documental colaborativo Mulleres de Castelo.

Despois de escoitar e contar, na Eira do Ferrador instaláronse os fogóns do “food truck” Máis Saaabor!, un espectáculo que mesturou a música en directo coa maxia e o humor. Félix Rodríguez e Fran Rei transformáronse en chefs para ofrecer un menú degustación que deixou a todo o público cun moi bo sabor de boca.

Para darlle a volta á tortilla e deixar de falar só de comida, a seguinte actividade do serán foi a estrea dun documental moi especial para Castelo, posto que as protagonistas foron trece das súas veciñas. O proxecto, dirixido por Hadriana Casla, comezou a rodarse na pasada edición do festival, mais foi este mércores cando se puido coñecer en primicia as historias vitais destas mulleres. O filme, Mulleres de Castelo, reivindica a amizade, a diversidade e a vitalidade dos máis maiores. Julia Reboredo Grela, Maruxa Martínez, Rosa de Seijo, Maruja Sanchez, María Concheiro, Pilar Torreiro Grela, Mercedes García, Pilar Rodríguez, Maria de Sánchez, Maria José Cañas, Esther Pardo Vecino, Carmen Marta e Pepita foron as estrelas indiscutibles da noite e aprendéronnos as cousas máis importantes que hai na vida.

Maricarme puxo o broche de ouro a unha xornada calurosa. A formación de Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido puxo a bailar aos asistentes ao ritmo dos seus violíns, pandeiros e composicións musicais electrónicas.

Comer e rascar todo é empezar e en Castelo aínda queda moito por desfrutar!

O menú da festa
A Federación do Cubata de Bochinche
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.