Construído con pedras apiladas sen cemento e destinado a secar a poma do millo, este hórreo é testemuña dun xeito antigo de vivir e aproveitar a terra.
Entre os camiños de Castelo de Abaixo atópase un deses lugares que, sen ser o máis grande nin o máis famoso, ten algo que chama a atención. É un hórreo, si, pero non un calquera. É deses que xa non se ven por aquí, nin polo seu uso nin polo seu peculiar xeito de construirse.
Como acontece con outros espazos da parroquia, a Capela de San Ramón, o cruceiro ou mesmo o monte, este hórreo forma parte desa paisaxe cotiá que ás veces pasa desapercibida polo hábito, pero que está cargada de significados e lembranzas para a veciñanza.
Os hórreos son unha das construccións máis emblemáticas de Galicia. Hainos de pedra ou madeira, con diferentes estilos segundo a zona, e os máis modernos chegan a ser de ladrillo. Algúns son recoñecidos pola súa monumentalidade, como o de Carnota, outros por formar parte do conxunto urbano, como os de Combarro, e outros destacan pola súa singularidade, como este de Castelo.
Que fai especial a este hórreo?
En primeiro lugar, a súa estrutura. As pedras que o compoñen non están unidas por ningún tipo de barro nin cemento, senón que están simplemente apiladas, unha enriba doutra, como un xogo de equilibrio ancestral. A veciñanza comenta que quizais era común ver algo semellante en alprendes, para zonas de ventilación, pero nunca nun hórreo. Esa rareza é a que lle dá carácter.
A súa función tampouco era exactamente a mesma ca doutros hórreos, empregados para gardar colleitas como millo, cebolas ou patacas, protexidas da humidade e dos animais. Este, en cambio, servía sobre todo para secar a poma, as follas do millo que recobren a espiga, que logo se empregaban para facer almofadas ou colchóns. Segundo bromean algúns veciños, “os ricos levaban todo, ata a poma das espigas!”.
Crese que o hórreo de Castelo é tan antigo como o propio cultivo do millo en Galicia, é dicir, que pode ter arredor de 200 ou 300 anos. Un legado humilde pero cheo de historia, que fala doutra maneira de vivir e de entender a relación coa terra, co aproveitamento e coa comunidade.
Na parroquia hai outros hórreos, pero este, pola súa forma, a súa idade e o seu uso, é sen dúbida un dos máis peculiares. Un deses recunchos discretos que fan de Castelo un lugar especial, onde cada pedra conta unha historia.


