Na Fonte da Cova a auga recollíase con maña e paciencia. Baixar pola costa resbaladiza coas sellas na cabeza era tarefa cotiá para moitas mulleres e nenas de Castelo.

Na Fonte da Cova a auga recollíase con maña e paciencia. Baixar pola costa resbaladiza coas sellas na cabeza era tarefa cotiá para moitas mulleres e nenas de Castelo.
Hoxe chega con abrir unha billa, pero non hai tanto, recoller auga era unha tarefa máis da rutina cotiá. Na parroquia de Castelo, moitas veciñas recordan con claridade como era baixar á Fonte da Cova: un camiño estreito, en costa, que remataba nunha pequena pía de pedra onde nacía unha auga fresca e limpa que condensaba as sellas nada máis enchérense.
A fonte era un lugar de traballo, pero tamén de encontro. As mulleres e as nenas ían recoller auga varias veces ao día, moitas veces co molido feito (esa especie de rosca feita cun trapo ou cunha toalla) para levar a sella na cabeza sen necesidade de suxeitala. Algunhas, ademais, levaban dous caldeiros nas mans, facendo equilibrios entre o peso e o barro dos camiños.
A tarefa non era sinxela: o camiño era resbaladizo e houbo máis dunha caída. Había que ter maña para coller a auga sen mollarse, manter o equilibrio nas costas de volta e, sobre todo, tempo para facer varias viaxes ao día se facía falta.
As máis pequenas tamén ían, aprendendo das maiores ou xogando mentres estas traballaban. Lembran ben aquel lugar, a posición concreta da pedra onde había que poñerse para coller ben a auga, e os momentos arredor da fonte en xornadas que xa estaban cargadas abondo de traballo.
A Fonte da Cova forma parte desa memoria do cotián, desas rutinas que hoxe poden parecer imposibles, pero que falan dunha forma de vivir marcada polo esforzo, a colaboración e a habilidade das mulleres para facer fronte a todo o que supuña o día a día. Como contan algunhas delas: eran “aventuras que agora non hai”.
