Xogo, natureza e tradición únense nunha proposta única para os mais pequenos no Castelo Conta. Un espazo para aprender, rir, crear e descubrir desde a infancia.
Xente Miúda: no Castelo Conta hai festa para todos
No Castelo Conta sabemos que a cultura empeza a aprenderse desde pequenos. Por iso, unha das nosas apostas máis especiais cada ano é Xente Miúda, o espazo do festival pensado para os nenos e nenas, que combina aprendizaxe, xogo e tradición nun ambiente natural, creativo e seguro.
Durante as mañás de luns a venres, o Castelo Conta encherase de risas, curiosidade e descubrimentos. Unha programación deseñada con agarimo e coidado para que os máis pequenos poidan conectar co territorio, explorar a súa creatividade e descubrir o valor da tradición oral, mentres constrúen novas amizades.
Nesta décima edición, Xente Miúda duplica prazas e propón unha semana repleta de experiencias únicas. As actividades abranguen dende obradoiros artísticos coa natureza, guiados por Iria do Castelo, ata andainas e plantacións nas horta de Cabrois, fomentando o respecto polo medio ambiente a través do contacto directo coa terra. A palabra improvisada tamén terá un papel protagonista grazas ás regueifas con Manolo Maseda, onde as nenas e nenos poderán xogar co idioma e atreverse a rimar.
A cociña será outro dos grandes eixos, cun concurso de cociña no que as e os miúdos compartirán coa veciñanza de Castelo unha divertida competición culinaria. E como gran final de semana, contaremos cunha mañá chea de teatro e música, coas nenas e nenos compartindo escenario con The Rapants.
Xente Miúda non é só unha programación infantil. É unha parte fundamental do Castelo Conta, porque cremos no poder transformador da cultura desde a infancia, na importancia de medrar entre contos, cancións, xogos e natureza. Porque a festa, a memoria e a comunidade tamén se constrúen dende a mirada dos máis pequenos.
