Un festival singular feito desde a colectividade

Pasou un mes desde que rematou esta última edición do Castelo Conta e queremos facer balance do que vivimos este ano. Volvimos encher as aldeas de Castelo de música e contos, con grandes artistas como Xabier Díaz, Susana Seivane ou Celso Sanmartín desfrutando da cercanía do público nas eiras das veciñas e veciños e poñendo pequenos lugares no centro do panorama cultural de Galicia. Tamén lle demos unha volta aos Contos de Castelo, converténdoos nun programa de radio que axiña compartiremos con todas e todos vós. Vivimos estreas audiovisuais, a primeira función de ‘Corentena’ para un gran auditorio, unha gran noite de concertos co Combo Viramundo, Muchachito e Lamatumbá e a Noite de Monólogos.

Seguimos apostando polo coidado do monte, inculcándollo á Xente Miúda, quen fixeron unha chea de actividades e mesmo deseñaron a súa propia mascota. Os que nos visitastes o sábado, puidestes comprobar de primeira man a beleza do Monte Xalo, camiñando polas senda e gozando dos son únicos dos instrumentos de Abraham Cupeiro no medio dunha carballeira.

Todo isto é posible grazas ao traballo de moita xente, das veciñas e veciños, das compañeiras de Castelo Deporte e dos amigos da Comunidade do Monte de Man Común. Tamén de empresas e institucións que, co seu apoio e axuda, fan posible que ano tras ano o Castelo Conta sexa unha semana única que se consolidou como un dos festivais máis singulares da Península.

Deleite estivo un ano máis ofrecendo almorzos saudables durante as actividades da Xente Miúda e as actuacións nas aldeas. A música chegou da man de Estrella Galicia, que sempre nos axuda para que os concertos sexan inolvidables. Para poder montar todas as estruturas contamos coa axuda de Soos Maquinaria e puxemos Castelo bonito grazas ao traballo de Mástil Noroeste. Grazas á colaboración de Cartón Atlántica, puidemos servir xantares e ceas evitando os plásticos dun só uso e Disashop e Europastry axudáronnos para poder ofrecer bocadillos e pizzas recén feitas aos asistentes. As Adegas Méndez-Rojo volveron estar presentes este ano cos seus viños Vía Romana e Mil Ríos,

Os encargados de que todo soase e lucise ben sobre os diferentes escenarios foron, coma sempre, os compañeiros de SonPress, ‘Corentena‘ e a Noite de Monólogos foron accesibles ás persoas xordas grazas á colaboración da FAXPG e a Fundación Paideia Galiza axudou para facer posible o traballo de Hadriana Casla coas nosas veciñas que presentaremos na edición do ano que vén.

Ademais, as institucións continuaron apoiando ao festival no marco dos seus respectivos programas de dinamización da cultura en Galicia. Así, contamos un ano máis coas aportacións do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, grazas ás cales é posible converter Castelo no epicentro cultural de Galicia durante esta semana marabillosa coa que rematamos agosto ano tras ano.

Seguimos sumando apoios e traballando por facer sempre o mellor festival posible en colaboración coa veciñanza e respectando o medio natural, porque sen estes dous factores o Castelo Conta nin é posibel nin ten sentido. Moitas grazas a todas e todos por seguir facendo con nós a festa que lle deu a volta á festa.

X