Moita calor e moita, moita festa

Na xornada de onte, a segunda Castelo Conta, a veciñanza e os visitantes encheron a parroquia natal de Xosé A. Touriñán para seguir gozando do festival que non parará en toda a semana. Susana Seivane, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Celso Sanmartín ou Elena Ferro foron algúns dos persoeiros que formaron parte desta festa que lle deu a volta á festa.

A actriz e directora Noemi Rodríguez continuou co obradoiro Fai o teu co que profesionais das artes escénicas exploran e desenvolven dende esta parroquia rural de Culleredo somerxerse no proceso de creación. Tamén os máis pequenos e pequenas seguiron enchendo as mañás de actividades por Castelo, cunha camiñata polo monte e un obradoiro de elaboración de instrumentos musicais. 

As historias nunca faltan cos Contos de Castelo que, na pasada tarde, conduciron os xornalistas Moncho Viña e Alfonso Hermida e que trataron sobre os traballos tradicionais e os cambios tecnolóxicos, cunha convidada moi especial, a zoqueira Elena Ferro. Seguilles o contador Celso Sanmartín para facer desta festa unha mostra viva da creatividade da tradición oral. A noite da parroquia soaba coa música da gaiteira Susana Seivane e a DJ residente Russ. A tormenta eléctrica asomou por Castelo xusto ao remate nunha xornada de moita calor e moita, pero que moita festa.

A festa segue en Castelo hoxe mércores e o resto de toda a semana. Na terceira xornada continuamos cos Contos de Castelo, que tratarán sobre a infancia e serán presentados polo actor Carlos Blanco. Tampouco faltará a música, coa actuación de DJ Russ e Belém Tajes. A que foi vocalista de Luar na Lubre traerá ata a parroquia culleredense ritmos latinos, galegos e moitos outros, unha mestura de tradición e vangarda que caracteriza tamén este festival. 

O audiovisual tamén terá o seu lugar neste Castelo que todo acolle. A curtametraxe Nena vén de viaxar por festivais de todo o Estado e mesmo europeos cunha historia sobre coidados e responsabilidade emocional. Na tarde do mércores chega á parroquia natal de dous dos seus protagonistas, Xosé Antonio e Antía Touriñán, que estarán acompañados do resto do reparto, Carlos Blanco e David Perdomo.

X