Un festival que facemos entre todas e todos

O Castelo Conta é posible grazas á colaboración de institucións, empresas privadas e público coa veciñanza de Castelo. Queremos que ti tamén sexas parte de el!

O Castelo Conta é unha gran festa, unha semana chea de espectáculos, música, actividades para a cativada, xuntanzas cos veciños máis maiores, recuperación das nosas historias, xantares, ceas, andainas… e moito humor e respecto pola nosa casa; as aldeas e montes de Castelo.

Todo isto é posible grazas ao traballo e a aportación económica das veciñas e veciños, que ano a ano seguen sumando esforzos para poder ter unha semana de festa onde a nosa cultura e a tradición son o selo de identidade. Unha festa con actividades pensadas para todas e todos e con especial atención á creación de novos e novas espectadores e contadoras, cunha chea de actividades para a Xente Miúda nas que poñemos moito esforzo na transmisión do respeto polo medio natural e pola arte de contar, sen deixar nunca de lado a diversión.

Este traballo non sería posible sen as institucións que apoian o festival pola súa relevancia cultural e singularidade, xa que as características do Castelo Conta son únicas en Galicia. Así, o Concello de Culleredo, a área de Cultura da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e o Xacobeo 21·22, achegan o impulso económico necesario para completar o esforzo da veciñanza de Castelo, que ano tras ano saca adiante unha programación cultural de primeiro nivel.

Ao noso carón están tamén empresas galegas como Deleite e Estrella Galicia, patrocinadores do festival, que entenden que a cultura é un valor importantísimo para a sociedade e colaboran para a realización do Castelo Conta, camiñando da man para facer aínda mellor un evento cultural do que todas e todos nos sentimos orgullosos.

O Castelo Conta non ten ánimo de lucro, polo que a implicación do público mercando entradas e o diferente material promocional que estará a venda durante o festival, é indispensable para poder seguir mantendo esta gran semana da comedia, a cultura rural e a tradición oral. Podedes mercar as entradas para os espectáculos e actividades que as requiren aquí ou nos puntos de venda físicos. Tamén poderedes mercar as camisolas, suadoiros, bolsas e libretas desta edición no posto instalado Leira de Himerio, en Folgueira.

O luns 22 arrincamos esta VII edición do Castelo Conta. Vémonos ali!!!!

O pasado e o presente da música galega emerxen nunha innovadora proposta electrónica
25 Lolita’s e Burla Negra coas noites de Castelo
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.